A filla do minotauro conta unha historia de aventuras sobre unha organización clandestina creada para salvar obras de arte. A través dela pódense facer "moitos niveis de lectura", expresa o xurado, que destaca a "calidade literaria da obra" premiada nunha convocatoria cun "alto nivel" á que concorreron 48 títulos, case o dobre que o ano pasado.
O premio, ademais da dotación económica, implica publicación desta nova novela de Marilar Aleixandre. O outro texto finalista, arredor do acoso escolar, é Como bágoas de dragón de Andrea Maceiras, cuxa publicación recomenda o xurado.
Nas edicións anteriores gañaron o premio Raíña Lupa Héctor Cajaraville, Xesús Fraga, Marcos Calveiro, Carlos López, Antonio Yáñez, Breogán Riveiro, Xosé A. Neira Cruz, Antonio Reigosa, Mario Pereira e Agustín Fernández Paz.