Margarita Ledo Andión recollerá o Premio de Honra Fernando Rey o vindeiro 19 de marzo. Será na gala da vixésima edición dos Premios Mestre Mateo, unha cerimonia dobremente especial para a RAG, que participará como finalista na categoría de mellor serie web con Xela Arias. A palabra esgazada.
Este recoñecemento súmase a outros como o Premio Nacional da Cultura Galega (2008), o Premio Otero Pedrayo (2017), a homenaxe da Asociación Española de Investigación da Comunicación, o galardón do Festival de Cine Europeo de Sevilla pola dirección de Nación (2020) e o Mestre Mateo ao mellor documental polo mesmo filme.
A homenaxeada ingresou como membro de número da Real Academia Galega no ano 2009 cun discurso titulado Do bucle e da fenda. Para un ensaio crítico sobre a cultura galega.