María Obelleiro: “Para a saúde do idioma é necesario un sistema de medios de comunicación en galego forte”

A directora de Nós Diario participou este mediodía nos XXXIII Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” cun relatorio sobre os medios de comunicación e o idioma do país. María Obelleiro ofreceu un percorrido pola historia do xornalismo en galego, dende O Vello do Pico Sagro, O Tío Marcos d’A Portela e A Monteira ata a actualidade, e reflexionou sobre os atrancos que limitan a presenza da nosa lingua no ecosistema mediático.

1/7

“O galego conta hoxe cunha presenza moi reducida na prensa escrita. Tan só un dos medios diarios en papel entre a decena de cabeceiras que se imprimen en Galicia está redactado en lingua galega. Ademais, só é posíbel escoitar, de norte a sur, e de leste a oeste do país, unha soa emisora en lingua galega, a radio pública, e o mesmo acontece coa televisión”, repasa a xornalista. A lingua goza de maior presenza nos medios dixitais, pero Obelleiro defende que é factible e preciso estender a súa pegada a todos os soportes. “A saúde dunha lingua defínese, entre outros factores, polo número de medios que a utilizan. Para a saúde do noso idioma e do país é necesario ter un sistema de medios de comunicación en galego forte”, insiste.

María Obelleiro analizou os diversos medios de financiamento do panorama mediático galego, dende as subvencións públicas ás achegas de milleiros de lectores e lectoras que permiten darlles continuidade a proxectos xornalísticos como o Tempos, Luzes, Praza ou o propio xornal que ela dirixe; e defendeu a necesidade de que o xornalismo se reinvente cada día e ocupe os espazos que demanda a poboación. Ofreceu ademais unha ollada comparativa con Cataluña e Euskadi, onde as respectivas linguas propias gozan dun escenario xornalístico máis favorable.

No apartado das cabeceiras históricas, a xornalista fixo mención especial á abordaxe vangardista dos xéneros periodísticos que significou A Nosa Terra antes do golpe do 36 e posteriormente, xa no exilio, Galicia Emigrante. “Nesta última publicación, Francisco Fernández del Riego, protagonista do Día das Letras Galegas 2023, desenvolveu un xénero aínda pouco visitado e cuestionado nos medios escritos daquel tempo, a entrevista, con conversas cos representantes máis destacados da cultura”, lembrou.

A xornalista foi presentada polo director dos cursos, o académico Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega.