Cabeceira do segundo número d'A Monteira (12 de outubro de 1889)
Entre os diversos periódicos escritos en galego que saíron do prelo durante as dúas últimas décadas do século XIX inspirados no exemplo d'O Tio Marcos d'A Portela, o lucense A Monteira salienta polo seu inequívoco compromiso coa lingua do país e polo seu apoio expreso á ideoloxía rexionalista. Verbo do primeiro aspecto, ese compromiso manifestouse desde o número inicial da revista, onde se publicou a primeira entrega dun artigo titulado "D'a fala gallega" no que se reclamaba a rexeneración da nosa lingua, e seguiu estando presente ao longo de toda a súa existencia. En verdade a cuestión lingüística foi unha das principais motivacións da aparición deste periódico lugués, que tivo por obxectivos a defensa do idioma galego e a popularización do mesmo a través da prensa para tentar escorrentar os prexuízos que empecían o seu desenvolvemento. Respecto da postura ideolóxica, A Monteira nunca agochou a súa toma de posición a prol do rexionalismo, que daquela se estaba a organizar como movemento político dirixido por Manuel Murguía e por Alfredo Brañas, de tal maneira que se pode afirmar que esta foi a primeira publicación rexionalista escrita integramente en galego. Máis concretamente A Monteira amosou unha clara afinidade ideolóxica co rexionalismo católico-conservador de Brañas, persoeiro que recibiu un tratamento relevante nas páxinas da revista. Enténdese así que o derradeiro número rematase coas palabras que constituíran o lema inspirador da súa existencia: ¡Viva Galicia!¡Viva o rexionalismo!
De periodicidade semanal, a revista iniciou a súa andaina o 5 de outubro de 1889 e finalizouna o 27 de decembro de 1890 co número 65. Cada número constaba de oito páxinas e os seus contidos axeitábanse en gran medida aos obxectivos e presupostos sinalados no parágrafo anterior. Como era de agardar, a literatura ocupou un lugar sobranceiro, e moi nomeadamente a poesía, aínda que tamén houbo espazo para os contos curtos e para os relatos por entregas. Hai que salientar a inclusión -no número 35 do 31 de maio de 1890- do poema "Os Pinos" de Eduardo Pondal, composto para o Certame Musical que se celebraría en agosto dese ano na Coruña e que constitúe a base da letra do noso himno.
Especial interese mereceulles aos responsables d'A Monteira a literatura popular, consonte o demostra a inserción habitual de cántigas, contos e refráns. A todo iso hai que engadir ademais a existencia dunha sección fixa, "Pubricaciós", consagrada a dar conta do movemento literario no país con comentarios acerca da saída de novos libros escritos tanto en galego como en castelán. Outras seccións fixas, "De todo un pouco" e "Espeutáculos", estiveron dedicadas respectivamente a dar noticias de actualidade e a informar sobre actos culturais. Os contidos completábanse con traballos de temática lingüística, histórica ou etnográfica, e por suposto con artigos de carácter político sempre en defensa das teses rexionalistas. A listaxe de colaboradores é avultada e nela podemos encontrar algúns dos nomes relevantes da vida cultural galega de finais do século XIX: Eduardo Pondal, Antonio Mª de la Iglesia, José Pérez Ballesteros, Marcial Valladares, Alfredo Brañas, Eladio Rodríguez, Filomena Dato, Jesús Rodríguez López, Juan Barcia Caballero, etc.
O fundador e director d'A Monteira foi Amador Montenegro Saavedra, quen tivo como colaboradores principais o seu irmán Anselmo e mais o seu amigo Manuel Pardo Becerra, autor este último do artigo "D'a fala gallega" que se mencionou antes. A Montenegro Saavedra débenselle ademais unha boa cantidade dos traballos en prosa ou en verso aparecidos no periódico, e incluso algunhas traducións para o galego de textos escritos noutras linguas. Pero alén do seu labor n'A Monteira, Montenegro Saavedra desenvolveu unha ampla actividade xornalística en numerosas cabeceiras da prensa de Galicia e América, case sempre empregando o galego. Foi tamén autor de libros de poemas e de fábulas en galego, así como de obras en castelán sobre agricultura. O recoñecemento de todo ese activismo cultural chegoulle ao ser nomeado membro da Real Academia Galega en 1907, ingresando nela en decembro de 1909. Nesa ocasión tamén resultou evidente o compromiso coa lingua, pois o seu discurso de ingreso na institución, titulado "Alma d'a Poesía Gallega", foi o primeiro que se leu en galego na historia da Academia, e a el respondeu, tamén en galego, o académico Juan Barcia Caballero.
Están dispoñibles para a súa consulta o discurso de Montenegro Saavedra e a contestación de Barcia Caballero.