O académico Manuel Rivas durante o seu acto de recepción na Academia, o 12 de decembro de 2009
O Padroado da Fundación Curros Enríquez de Celanova decidiu o pasado 18 de xullo outorgarlle, por unanimidade, o premio Celanova, Casa dos Poetas, na súa XXX edición, a Manuel Rivas Barrós, "tanto polo seu labor creativo como polo xornalístico, ambos os dous tan significados tamén na biografía de Curros Enríquez".
A Fundación Curros Enríquez salientou, así mesmo, a importancia do escritor coruñés na proxección exterior das nosas letras: "Non hai ningún outro escritor na historia de Galicia que contribuíra tanto á internacionalización da literatura galega, ao conseguir publicar a súa obra nas máis prestixiosas editoriais europeas".
A entrega do galardón terá lugar o vindeiro domingo, 7 de setembro, en Celanova, vila natal de Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro entre outros. O programa completo de actos pódese consultar nesta ligazón.