Manuel González, premio Lois Peña Novo

O académico Manuel González González recollerá o vindeiro 28 de xuño no castelo de Soutomaior (Pontevedra) un dos tres premios Lois Peña Novo concedidos este ano pola fundación que leva o nome do intelectual vilalbés membro das Irmandades da Fala. O xurado recoñece así o "seu traballo de investigación científica e constantes achegas á riqueza do noso idioma".
Manuel González. Autor: X. Castro

Manuel González González, catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela, é coordinador do Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega, coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e presidente da Asociación PuntoGal.

Os Premios Peña Novo creáronse para recoñecer o labor, tanto individual como colectivo, de persoas, entidades e empresas que traballan para que a lingua galega se consolide no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. Xunto a Manuel González González, a Fundación Lois Peña Novo premia tamén nesta vixésimo cuarta edición dos galardóns a escritora María Xosé Queizán Vila, en recoñecemento "a unha traxectoria vital de compromiso coa lingua e a cultura galegas", e o xurista Xesús Costas Abreu, "polo seu compromiso coa defensa da lingua galega no ámbito da administración local".