Máis de 80 colexios participan no concurso Contádenos o voso Día das Letras

Máis de 80 centros educativos de toda Galicia participaron na segunda edición do concurso Contádenos o voso Día das Letras, convocado pola Real Academia Galega no marco do proxecto web Primavera das Letras, que fornece a comunidade educativa de infantil e primaria de recursos lúdicos e didácticos arredor da figura homenaxeada o 17 de maio. A relación de traballos sobre María Victoria Moreno premiados darase a coñecer no mes de setembro e os galardóns serán entregados nun acto que terá lugar na sede da institución o vindeiro outubro.

A RAG puxo en marcha o concurso Contádenos o voso Día das Letras en 2017, cadrando co Día das Letras Galegas dedicado a Carlos Casares. Na primeira edición participaron 70 centros educativos, cifra que sobe desta volta ata os 82, o que representa un incremento do 15%. Preto da metade dos colexios que participan nesta ocasión son da provincia da Coruña. Outros 25 son da provincia de Pontevedra e Lugo e Ourense están representadas a través doutros 9 centros educativos cada unha.

Contádenos o voso Día das Letras foi concibido co obxectivo de coñecer e difundir como celebraron o Día das Letras Galegas os centros encargados da educación do alumnado de menor idade e premiar a súa implicación na divulgación da lingua e a cultura galegas. As experiencias desenvolvidas polo alumnado co apoio do profesorado que concorren nesta ocasión abranguen desde representacións teatrais e espazos informativos arredor da vida e a obra de María Victoria Moreno, a protagonista das Letras Galegas 2018, ata actividades de expresión plástica, musical e literaria. Todas elas foron recompiladas na sección dedicada ao certame de Primavera das Letras.