Luísa Villalta para os lectores máis novos

Luísa Villalta non publicou ningunha obra dirixida ao público infantil e a complexidade da súa produción dificulta tamén o acceso a ela para o xuvenil. Pero o mercado editorial está a ofrecer nestas datas novos títulos que facilitan o achegamento á figura e á obra da autora á que a RAG lle dedica do Día das Letras Galegas 2024 dende as idades máis temperás. Libros que contan a súa vida de xeito sinxelo e ameno e que inclúen tamén escolmas de citas pensadas para os e as nenas de menos idade. Velaquí un repaso por estas propostas que aproveitan tamén o atractivo da condición de violinista de Luísa Villalta para presentarlles unha muller que levou á literatura tanto a súa paixón pola música como pola xustiza social.


Alma de violino. Edicións Xerais de Galicia lanzou xa a finais de 2023 Luísa Villalta, alma de violino, un álbum con textos de Beatriz Maceda e Eli Ríos e ilustracións de Laura Suárez. As escritoras tiñan previsto publicar outra obra sobre a protagonista deste 17 de maio, da que son admiradoras dende hai tempo, pero o anuncio da celebración desta festa na súa honra fixo mudar os plans da editorial e decidiron centrarse nun segmento de público menos atendido. “Foi o propio álbum ilustrado o que nos encontrou a nós. O que queriamos era transmitir sobre todo paixón e a voz de Luísa, e por iso este é un libro que bebe directamente das súas palabras, como compromiso, muller, Galiza ou lingua”, conta Eli Ríos. 


A nosa estrela. Luísa Villalta, a nosa estrela (Teófilo) é o título do libro infantil escrito e ilustrado por Susana Villalta e Carolina Rouco, irmá e sobriña da escritora coruñesa. A historia narra con tenrura dende a perspectiva máis próxima a vida dunha autora que medrou nun fogar onde se lle transmitiu dende ben cedo o amor polas letras, a música e as artes en xeral. “Para min este libro é como un agasallo co que pretendemos achegar os nenos e as familias a Luísa como persoa a través de anécdotas cotiás e lembranzas do día a día. Coido que, ademais de ser un exemplo como intelectual, escritora e música, é tamén un exemplo de vida polos seus valores humanos, que tiveron como semente o que se lle transmitiu na familia dende a infancia”, comparte Susana Villalta.

Sempre infinita. A escritora Eva Mejuto e a ilustradora Bea Gregores asinan outro álbum ilustrado sobre a autora das Letras Galegas 2024. Luísa Villata: sempre infinita forma parte da colección de biopoemas Miudiños de Edicións do Cumio, que reúne biografías en forma de poemas de figuras senlleiras da cultura galega. O mar actúa como fío condutor dunha historia que, coma as demais dirixidas ao público máis novo, inclúe fragmentos de obras de Villalta de distintos xéneros. Texto e imaxes compleméntanse nunha proposta “cunha poética visual moi potente e que con moi pouquiñas palabras vai narrando as distintas etapas da vida de Luísa Villalta e mais o seu xeito de ser”, explica Eva Mejuto.


Melodía de palabras. María Canosa é a autora da biografía para o público dos últimos cursos de primaria e xuvenil que presenta Xerais, Luísa Villalta, melodía de palabras. A través da música, e máis concretamente do pentagrama e das notas musicais, vai tecendo un percorrido pola vida e a obra da homenaxeada. “Apeteceume contar a súa vida a través desoutra arte, a música, que ela tamén dominaba. E o que quixen transmitir é que Luísa Villalta era moito máis ca unha escritora. Foi tamén unha docente comprometida e activista, e tivo un xeito de comportarse moi coherente coa maneira que tiña de entender o mundo”, salienta.

Tinta do mar. Lela Edicións continúa a súa serie de biografías das Letras Galegas con Tinta do mar. Pequena biografía de Luísa Villalta, dentro da súa colección Mulleres Galegas. Con texto de Polo Correo do Vento e ilustracións de Tania Solla. Coma nas propostas anteriores, hai un esforzo por transmitir aqueles trazos máis humanos da protagonista do Día das Letras Galegas que conecten co público miúdo.


Violino, inglesa e o libro xigante. A Real Academia Galega ofrece na súa páxina web para o público infantil, primaveradasletras.gal, o conto-biografía Luísa Villalta Violino, inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta, que asinan o académico correspondente Xoán Babarro e Ana María Fernández. As imaxes son de Óscar Villán, recoñecido co Premio Nacional de Ilustración. No mesmo espazo poden descargarse tamén fichas para colorar, marcapáxinas e chapas do proxecto, e mais acceder a actividades interactivas sobre a autora.