Luis Seoane visto por Fernández del Riego: “Foi un e el mesmo pintando, gravando, debuxando, escribindo”

“Reiteraba Seoane o criterio de que a arte estivo sempre vencellada a unha terra, a un país, a un pobo. O país no que xorde imprímelle peculiaridade. Por iso, un artista nunca debe abstraerse da realidade histórica na que vive. É pobo, é país e, por outra banda, ten que vivir fatalmente o seu tempo. Non pode fuxir del”. Tal día coma hoxe, o 1 de xuño de 1910, nacía no barrio bonaerense de Montserrat Luis Seoane. No seu aniversario, lembrámolo a través das palabras de Francisco Fernández del Riego. O protagonista do Día das Letras Galegas 2023, amigo do artista e escritor dende os tempos en que foran estudantes na Universidade de Santiago de Compostela, é o autor de Luís Seoane desde a memoria. A biografía viu a luz en Ediciós do Castro en 1994, o ano no que a RAG lle dedicou o 17 de maio a quen foi un dos grandes renovadores da arte galega.

1/7

Del Riego quixo plasmar nestas páxinas “unha visión apaixonada, xurdida dunha longa relación amistosa, sobre a vida e a obra dun home que se consagrou de cheo ao servizo de Galicia, con vocación de universalidade”. “Este pintor poderoso, que tan cabalmente se expresou nos seus cadros, tivo importantes cousas que dicir no gravado, no debuxo, tamén na letra impresa. Os seus libros foron un alongamento directo da súa obra plástica. Obedeceron a técnica semellante, a idéntico espírito. Non hai dúbida que, en todo, Seoane foi un e el mesmo, pintando, gravando, debuxando, escribindo. En calquera caso, os volumes saídos da súa pluma, como o seu labor artístico, situáronse na punta oposta do esteticismo”, salientaba Del Riego nas primeiras liñas do libro. O volume reproduce gravados e debuxos do artista, entre eles varios dedicados a Evelina Hervella, compañeira de Del Riego.

En 2010, no centenario do seu nacemento, Luz Pozo Garza lembraba a Seoane coa colaxe que que abre a fotogalería. A composición amosa a imaxe dunha muller cun cántaro na cabeza acompañada duns versos da poeta. Con esta obra conservada na colección da Real Academia Galega recordamos tamén a escritora, falecida en 2020. A cadeira que quedou vacante tras o seu pasamento en abril de 2020 será ocupada este sábado, 3 de xuño, polo historiador Lourenzo Fernández Prieto, con que comparte raíces ribadenses.

Pertence tamén á colección da RAG o cadro de Seoane Sol negro e campesiñas (1973), doado á institución xunto á súa biblioteca de arte por Maruxa Fernández López, dona do artista, tras o seu pasamento na Coruña no ano 1979. A obra é un bo exemplo da importancia da muller no universo creativo do artista.