O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o coordinador do Seminario de Lexicografía, o académico Manuel González, visitaron esta mañá a rúa Menorca canda o tenente de alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro.
"O futuro da nosa lingua está vivo e as palabras de cada ano pasan a formar parte do idioma, xa que sintetizan parte da realidade de cada época", salientou o concelleiro. O presidente da RAG agradeceu a iniciativa, desenvolvida nun espazo peonil e moi transitado, e recordou que a elección colectiva da palabra do ano funciona tanto como palabra crónica que sintetiza o que foi cada ano como un xeito de expresar os desexos de futuro. "A elixida ao pecharmos o ano 2020 foi nós, unha chamada a apertarnos para sacar adiante o proxecto de futuro da lingua e do país", expresou Víctor F. Freixanes.
O Portal das Palabras é unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a divulgación do léxico galego dunha maneira amena e en diálogo coa actualidade. Dende o ano 2014, ambas as institucións promoven dende este espazo a elección da palabra do ano. Os seguidores e seguidoras do Portal das Palabras decidiron despedir o 2020, marcado pola pandemia, apelando á importancia da unidade e rendéndolle tamén homenaxe á Xeración Nós, cadrando co centenario da posta en marcha da revista que lle deu nome. Nas edicións anteriores, os termos elixidos foron sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017),irmandade (2016), refuxiado (2015) e corrupción (2014).