As Letras Galegas 2023 traen reedicións das obras de Fernández del Riego, dous inéditos e múltiples olladas a súa figura

Achégase a celebración do Día das Letras Galegas cunha morea de títulos de e sobre Francisco Fernández del Riego xa dispoñibles nas librarías e con outros en camiño. Galaxia, a editorial da que o protagonista do vindeiro 17 de maio foi un dos fundadores, publica este ano máis dunha ducia de volumes escritos polo homenaxeado ou dedicados a el, entre eles dous inéditos da súa autoría, o Diario da guerra e Memoria do París literario. Outros selos, dende Xerais e Ir Indo a Lela Edicións, comparten novas olladas á figura dun intelectual fundamental na Galicia da segunda metade do século XX con propostas para todas as idades.

No apartado das biografías sobre o autor, Galaxia reedita as memorias de Francisco Fernández del Riego Camiño andado e O río do tempo. Unha historia vivida e presenta tamén Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia, biografía asinada por Malores Villanueva. A profesora doutorouse cunha tese sobre os primeiros anos desta editorial e compartiu numerosas horas con don Paco nos últimos anos da súa vida. Alvarellos Editora propón a fotobiografía De Compostela ao exilio interior: Francisco Fernández del Riego, de Antón Mascato; Ir Indo recupera en Francisco Fernández del Riego. Galeguista de acción e cultura o retrato que escribira neste mesmo selo o académico Xosé Luís Franco Grande xunto a unha contribución de Anxo X. Rajó Pazó; e Xerais, xunto ás Conversas con Paco del Riego de Perfecto Conde editadas por primeira vez en 2018, presenta Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo, do académico correspondente Ramón Nicolás; e mais Francisco Fernández del Riego. O legado silandeiro, unha biografía para o público máis novo asinada por Héctor Cajaraville. 

O público infantil é tamén o destinatario de Un día para as letras. Pequena biografía de Francisco Fernández del Riego, de Polo Correo do Vento e a ilustradora Tania Solla, editado por Lela Edicións; e As cousas de don Paco, unha historia sobre a vida do homenaxeado en forma de obra teatral asinada por Eva Mejuto e ilustrada por Lucía Cobo que se pode descargar en primaveradasletras.gal, a páxina web para os nenos e nenas de infantil e primaria da Real Academia Galega. Dende o mundo da banda deseñada chega ademais o álbum Don Paco, o home que valía por mil, escrito por Antón Mascato e ilustrado por Pepe Carreiro. 
Hércules de Ediciones súmase polam súa banda á celebración das Letras 2023 con Paco del Riego, un home irrepetible, un volume con unidades didácticas a cargo de Blanca-Ana Roig Rechou.

Dous inéditos rescatados
O Ano Francisco Fernández del Riego permitirá ler por primeira vez dúas obras inéditas do homenaxeado. Unha delas é o Diario da guerra, que rescata dos arquivos da Fundación Penzol o diario de don Paco durante a guerra civil. O texto mecanografado recolle non só a memoria do soldado Fernández del Riego, que se viu na obriga de formar parte do exército sublevado que asasinou moitos dos seus amigos. “Se lemos entre liñas chegaremos ao que quixo dicir, ao que tivo que vivir, ao que tivo que calar, máis alá do esquecemento”, destaca Galaxia. O libro, con limiar do historiador e académico electo Lourenzo Fernández Prieto, complétase cun apéndice fotográfico e unha serie de mapas que permiten seguir o percorrido de Paco del Riego durante a contenda.

De certo carácter memorialístico é tamén o volume A xeración Galaxia. Editado por primeira vez en 1996 e reeditado co gallo das Letras Galegas 2023, constitúe unha crónica interna e externa da singular tarefa que foi a creación da editorial que lle deu nome ás persoas que desenvolveron un labor fundamental para a recuperación da cultura e da lingua galegas na posguerra. 

Memorias do París literario ofrece por primeira vez ao público as lembranzas da viaxe de Francisco Fernández del Riego e a súa dona, Evelina Hervella, á capital francesa na primavera de 1953, tras acadaren por fin o pasaporte que tantas veces lles negaran. Alí produciuse o reencontro co seu amigo o pintor Manuel Colmeiro, coñeceu diferentes persoeiros e moitos exiliados, conversou en liberdade nos faladoiros e enchoupouse de arte. A viaxe continuou en xuño polos Países Baixos. Del Riego volve tamén nestas páxinas ata agora inéditas á súa paixón pola literatura francesa, da que falou en moitos escritos.

Ademais de ser un apaixonado das letras, Francisco Fernández del Riego foi un amante da arte e chegou a contar cunha importante pinacoteca persoal que hoxe pode verse na Casa Galega da Cultura de Vigo. Beatriz Liz de Cea percorre en Don Paco, letras para a arte galega as experiencias do intelectual coa plástica do país, os seus creadores e o contexto no que produciron as obras dende os anos 30 do século pasado, cando Del Riego descubriu a Mario Granell nunha exposición.

Loitando pola Galicia que non foi é outra das novidades que traerán as Letras Galegas 2023 ás librarías. Justo Beramendi recompila neste volume a produción dos anos 30 de Francisco Fernández del Riego, a quen ten cualificado como parte da xeración “dos primeiros nativos nacionalistas”, polo xeral moi descoñecida. O historiador presenta un exhaustivo estudo introdutorio onde describe e analiza a súa ideoloxía, a produción en prensa e as actuacións políticas e culturais dende a súa incorporación ao nacionalismo galego en 1931, con só dezaoito anos, ata o inicio da guerra civil.

Dos epistolarios e a arte á Lourenzá
Este ano tamén traerá novos epistolarios de Del Riego. Galaxia, que no seu día difundiu as cartas que Ramón Piñeiro lle enviara, revisará estas misivas para publicalas nun mesmo volume xunto a unha selección das cartas que don Paco lle remitiu ao seu amigo. A edición está ao cargo do académico Henrique Monteagudo e de Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol. O mesmo selo reeditará as Cartas ao meu amigo de Cunqueiro nun volume ao coidado de Armando Requeixo; e a Real Academia Galega levará ao prelo as cartas que Francisco Fernández del Riego intercambiou con Ramón Otero Pedrayo na edición que está a preparar a investigadora Patricia Arias Chachero.

Galaxia reedita tamén Lourenzá, onde o autor rende homenaxe á súa terra natal; e Con Pondal en Bergantiños, un achegamento persoal á vida e á obra do bardo. Santiago, outro escenario vital destacado na vida do homenaxeado, é o eixe doutra publicación, Compostela, póla florida, unha miúda selección de fragmentos da obra de Del Riego nos que esta cidade é a protagonista, directa ou como marco de acción.

A Universidade de Santiago de Compostela completará as olladas ao protagonista do Día das Letras Galegas co volume Ao meu xeito rebelde, centrada na etapa universitaria de Francisco Fernández del Riego. Coordinado por Henrique Monteagudo, reúne contribucións de distintos autores.