'La Tribuna' dispoñible en liña

La Tribuna. Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán bota a andar como revista dixital co número 8. A partir deste número, La Tribuna poderá consultarse integramente na páxina web da Real Academia Galega na sección de La Tribuna.
Portada no número 1 de La Tribuna
Portada do número 1 de La Tribuna, tamén dispoñible en liña


O número 8 conta coa colaboración de prestixiosos expertos de fama internacional como o profesor italiano Danilo Manera, a profesora francesa Dolores Thion Soriano-Molla e os recoñecidos catedráticos Xosé Ramón Barreiro Fernández, José Manuel González Herrán e José María Paz Gago, entre outros. Ademais, inclúese un monográfico denominado "Muller e violencia" no que, entre outros interesantes estudos, o "Grupo de investigación La Tribuna" dá a coñecer as circunstancias dun feito case descoñecido ata o de agora: a morte violenta de Joaquina Mosquera Ribera, avoa de Dona Emilia, de mans do seu segundo marido.

Ao mesmo tempo, temos o pracer de anunciar que La Tribuna. Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán foi seleccionada pola súa calidade editorial e o seu interese científico para formar parte das bases de datos LATINDEX, DICE, ISOC e DIALNET.

Así mesmo, tamén poden consultarse en liña os números anteriores, que unicamente foran editados en papel. O número un, aquí; o número dous, aquí; o número tres, aquí; o número catro, aquí; o número cinco, aquí; o número seis, aquí e o número sete, aquí.