José Alberte Corral Iglesias doará á RAG os seis mil libros da súa biblioteca persoal

José Alberte Corral Iglesias lega no seu testamento á Real Academia Galega os seis mil volumes que compoñen a súa biblioteca persoal. Así o anunciou hoxe nun acto no que, acompañado da súa dona, Dores Valcárcel Guitián, e do presidente da RAG, fixo entrega simbólica dunha pequena mostra da doazón que inclúe o álbum de Xaime Quessada Imaxen surreal de Galicia (1977). Xesús Alonso Montero agradeceu a decisión do doador e salientou que coa futura entrega dos seus libros a RAG pasará a custodiar "unha das bibliotecas marxistas máis importantes que hai en Galicia".

Pola esquerda, Dores Valcárcel Guitián, Xesús Alonso Montero e José Alberte Corral Iglesias amosan o álbum Imaxen surreal de Galicia, de Xaime Quessada, na entrega simbólica dunha pequena mostra da biblioteca que o escritor lega á RAG no seu testamento. Autor: RAG


José Alberte Corral Iglesias xustificou a escolla da RAG para esta doazón na defensa que a institución fai da lingua e da cultura galega, así como na importancia que esta tivo para el desde moi novo precisamente por ese motivo. "Para min a Real Academia Galega é unha institución de referencia desde a adolescencia, foi fulcral para a toma de conciencia cívica dos galegos (…). Con esta doazón quero contribuír á base do estudo e a investigación de cara ao futuro", expresou.

O doador perdeu a súa primeira biblioteca persoal en Latinoamérica, onde marchou vivir escapando da represión franquista. Refuxiouse no Chile gobernado por Salvador Allende, pero alí tamén sufriu a barbarie da ditadura. "Aquela biblioteca inicial queimáronma cando o golpe de estado", recorda. Entre as páxinas destruídas polo lume figuraban primeiras edicións que hoxe son clásicos galegos que lle acababa de enviar o seu pai nun baúl. Os seis mil volumes que pasará a custodiar a RAG tras o seu pasamento son os que foi mercando posteriormente, entre os que figuran algunhas edicións históricas de obras de Eduardo Blanco Amor ou Ramón Otero Pedrayo que conseguiu de regreso a Galicia en tendas de vello. Pero o que máis abonda nesta biblioteca son os títulos de ensaio e de literatura latinoamericana adquiridos durante os anos que viviu en Arxentina e Venezuela, con numerosos exemplares difíciles de atopar a esta beira do océano e non reeditados desde hai tempo, detalla.

José Alberte Corral é escritor e preside a Agrupación Cultural O Facho, á que leva décadas vinculado. A entidade, nada na Coruña en 1963, xogou un papel activo na defensa da lingua e da cultura galegas nos duros anos do franquismo. En 2012 O Facho doou á Real Academia Galega os fondos da súa biblioteca, ademais de numerosos cadros, unha importante colección de carteis e o seu arquivo documental.