A campaña do Portal das Palabras lanzada para escoller cal é o termo que mellor defina os doce meses a piques de rematar recibiu na primeira fase case duascentas propostas diferentes achegadas por mil catrocentos usuarios. O equipo do Portal das Palabras, iniciativa da Real Academia Galega e da Fundación Barrié, escolleu estes seis termos entre todos os recibidos atendendo a tres criterios: cales son os máis populares, cales tiveron unha maior proxección pública ao longo de todo o ano e aqueles destacados ben pola súa carga significativa, ben pola súa construción morfolóxica.
Irmandade figura entre as palabras finalistas xusto no ano no que se celebra o centenario das Irmandades da Fala, movemento nado na Coruña en 1916 que desenvolveu un labor esencial para a dignificación da lingua galega. Eleccións recorda os sucesivos procesos electorais que se celebraron ao longo deste ano, no que tamén se ten falado decote de populismo. Alburgada refírese a unha mentira disfrazada de verdade –unha boa proposta de adaptación ao noso idioma do neoloxismo posverdade– e porcoril, termo de recente creación, a un cruzamento entre porco e xabaril.
O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a popularización da nosa lingua. O traballo conxunto entre ambas as institucións permitiu tamén levar a cabo as últimas actualizacións do Dicionario da Academia, cunha interface máis personalizada e interactiva, e o desenvolvemento de aplicacións para empregalo desde teléfonos móbiles e tabletas con sistemas iOS e Android.