A delegada especial destacou a feminización da Axencia Tributaria, onde na actualidade ocupan numerosos postos de responsabilidade, asegurou. “Na máxima dirección da delegación especial de Galicia hai trece membros, nove deles mulleres”, concretou. Imelda Capote concluíu salientando a importancia da figura de Emilia Pardo Bazán na defensa dos dereitos das mulleres. “Grazas a ela, e a moitas mulleres coma ela, hoxe temos unha sociedade máis igualitaria”, expresou. A conversa pode verse na canle de Youtube de Cultura da Coruña.
A RAG e o Concello da Coruña retomaron con Imelda Capote o ciclo de conversas que coorganizan co gallo do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán. O programa, que arrincou o pasado mes de marzo, reunirá no que foi o fogar da escritora coruñesa na súa cidade natal un total de oito mulleres que son referentes nos seus respectivos campos para reflexionaren sobre os avances do feminismo e o camiño que aínda queda por percorrer para acadar a igualdade real. O ciclo xa contou coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a académica Marilar Aleixandre, a música Susana Seivane e a vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro. Imelda Capote abriu tras o verán a nova quenda de entrevistas, que continuará nos vindeiros meses con Rosa Martínez, primeira directora da Radio Galega; María de la Cámara, xefa da sección de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC); e a escultora Soledad Penalta.