Pola esquerda, Marcos Calveiro, Ramón Nicolás, Henrique Monteagudo, Beatriz Caamaño, Cándido Paniagua e César L. Ares.
Fonte: IES Castelao
Alumnado interpretando "Le petit cheval", canción que María Xosé Queizán lle aprendeu de nena a Begoña Caamaño na academia onde estudou a escritora.
Fonte: IES Castelao
Beatriz Caamaño, irmá de Begoña Caamaño, intervén no acto.
Fonte: IES Castelao
O académico correspondente Ramón Nicolás, profesor do centro educativo.
Fonte: IES Castelao
Un momento da intervención do presidente da Academia, Henrique Monteagudo.
Fonte: IES Castelao
A reescritura dun dos episodios da Odisea foi a primeira novela dunha autora serodia que só puido publicar un segundo libro, Morgana en Esmelle (2012), por mor do seu prematuro falecemento. Ambos os títulos son “pezas de ouro na historia da nosa literatura”, valorou o presidente da Academia. Monteagudo recordou ademais a faceta da homenaxeada como xornalista comprometida coa lingua galega e a veracidade da información, así como a súa ollada sempre posta na dimensión máis social da realidade.
Beatriz Caamaño, irmá da autora, animou igualmente o alumnado a ler os seus libros non como lectura obrigatoria, senón como páxinas que, “nun momento tan difícil, cunha tendencia social e deriva tan perigosa”, han contribuír á súa formación e á súa capacidade de “ter ideas propias”.
Ramón Nicolás centrou a súa intervención no vínculo de Begoña Caamaño co barrio, o fío condutor d’A nena que perdeu un zapato na lama. Begoña Caamaño no Calvario vigués, 1964 – 1976, a biografía da súa autoría que acaba de saír do prelo da man da Editorial Galaxia. Nestas páxinas o académico correspondente recrea, entre outros episodios, como a pequena Begoña xogaba na leira do Penelas, o patio do recreo da academia que foi o seu primeiro colexio. Naquela escola Caamaño tivo como profesora de francés a escritora María Xosé Queizán, quen lle aprendeu “Le petit cheval”. Coa interpretación desta canción de George Brassens a cargo de alumnado de música de Josefa Fernández arrincou o acto, no que soou ademais a música de Su Garrido Pombo, veciña do Calvario.
A infancia e a mocidade de Begoña Caamaño foi tamén evocada polas súas amigas Maika Aguado e An Alfaya, a autora que asina a peza teatral do proxecto Primavera das Letras 2026, que a Real Academia Galega presentará o 2 de marzo no CEIP O Pombal de Vigo. O director do instituto, Cándido Paniagua, fixo pola súa parte unha defensa do papel da escola pública como espazo de mediación cultural e do galego como ferramenta de pensamento; e o director de edicións de Galaxia, Marcos Calveiro, compartiu co estudantado palabras de Begoña Caamaño sobre a súa visión do que significa ser lectora e escritora.
A celebración cadrou co recente anuncio de que o IES Castelao é o gañador, na modalidade de secundaria, do premio do concurso escolar das Letras Galegas 2026 que convoca a Xunta de Galicia. Na modalidade de primaria o galardón foi para o CEIP de Ribadavia.







