O semestre dedicado ao galego na Universidade de Viena é unha iniciativa organizada polo catedrático desta institución Elton Prifti. O coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega profundou na súa intervención no marco deste programa nos desafíos do uso e da transmisión interxeracional da lingua, os discursos públicos sobre o idioma ou as políticas desenvolvidas polas institucións galegas.
A Universidade de Viena ofrecerá ao longo deste semestre, entre outras actividades, un curso de galego para principiantes e distintos relatorios que achegarán o alumnado á literatura galega ou á imaxe de Galicia no cinema.