Henrique Monteagudo recollendo o Premio Rosa dos Ventos no Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo.
O presidente da Academia deu unha conferencia sobre Castelao para o alumnado de secundaria do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo.
Henrique Monteagudo, Miguel Anxo Seixas e Marcos Calveiro, acompañados de Anxo Lorenzo, na mesa sobre pensamento de Castelao no século XXI que protagonizaron na Feira do Libro de Buenos Aires.
Un momento da mesa sobre o pensamento de Castelao no s. XXI na Feira do Libro de Buenos Aires.
Henrique Monteagudo intervén na inauguración da exposición sobre Castelao no Centro Galicia de Buenos Aires.
Henrique Monteagudo intervén na inauguración da exposición sobre Castelao no Centro Galicia de Buenos Aires.
O presidente da RAG ofreceu unha conferencia sobre Castelao na Sociedade ABC de Corcubión, Cátedra Libre de Estudos Galegos Alfonso D. R. Castelao, da Universidade de Buenos Aires.
O presidente da RAG ofreceu unha conferencia sobre Castelao na Sociedade ABC de Corcubión, Cátedra Libre de Estudos Galegos Alfonso D. R. Castelao, da Universidade de Buenos Aires.
O presidente da Academia recibiu de mans do alumnado o Premio Rosa dos Ventos que se lle outorgara na edición de 2016 en recoñecemento ao seu labor tendendo pontes entre Galicia e a diáspora na Arxentina. A presentadora do acto, Sofía Conde Quispe, agradeceu a oportunidade de escoitar o representante “da institución que vela pola nosa lingua” e a conferencia que impartiu sobre o intelectual galeguista, cadrando coa celebración do Ano Castelao nos 75 anos do seu pasamento no exilio arxentino. “É un privilexio, unha fonte de motivación e unha aprendizaxe que, sen dúbida, deixará unha fonda pegada”, engadiu a estudante.
Henrique Monteagudo falou tamén o martes sobre Castelao na Feira do Libro de Buenos Aires, nunha mesa sobre a vixencia do seu pensamento no século XXI canda Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao, e Marcos Calveiro, director de edicións da Editorial Galaxia, que celebra tamén neste 2025 os seus 75 anos de vida. A axenda do presidente da Academia no que é un dos encontros da industria do libro máis importantes de Latinoamérica incluíu outras dúas conferencias sobre o exilio americano, centrada no caso de Buenos Aires entre 1940 e 1962, e a situación actual da lingua e os desafíos do presente.
Por outra banda, no marco da colaboración entre a Cátedra Institucional Castelao da USC e da Cátedra Libre de Estudos Galegos "Castelao" da Universidad de Buenos Aires, o profesor Monteagudo guiará este sábado un itinerario arredor da vida e a obra de Castelao por Buenos Aires e ofrecerá outra charla na Asociación ABC do Partido de Corcubión sobre o seu libro Castelao. A forxa dun mito.