
“É un premio que temos que dedicar ás que foron as protagonistas das Letras Galegas 2025”, salientou presidente da Academia na gala celebrada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, onde recolleu o galardón de mans do director de La Opinión, Daniel Domínguez, e o director do Agadic, Jacobo Sutil. Á gala acudiron tamén as académicas Ana Boullón -promotora da candidatura das cantareiras- e María Dolores Sánchez Palomino, membros da comisión executiva da Academia.
Henrique Monteagudo gabou na súa intervención a “tradición de resistencia” das mulleres que crearon e transmitiron as coplas populares. Quixo ademais recoñecer, unha vez máis, o labor das persoas que traballaron e traballan na recolla da cantigueira popular de noso e lembrou que “a tradición vive no constante diálogo co presente”.
Os premios do diario recoñeceron tamén a traxectoria de Uxía. A música de Mos é un deses elos entre a tradición e a contemporaneidade, así como entre as Letras das cantareiras e as de Begoña Caamaño, a protagonista das Letras Galegas 2026. A ela, amiga persoal, dedícalle a cantante e compositora o seu último álbum, Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño.
Máis información sobre a gala dos Premios Opinión da Música de Raíz nesta ligazón.



