O historiador presidiu a Academia entre 2001 e 2009 e deixou “unha importante pegada de renovación na institución, na liña do que no seu día iniciara Francisco Fernández del Riego, con quen Barreiro traballara moi estreitamente”, salienta o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes no limiar do Boletín 383, dispoñible entre as novidades da sección de publicacións periódicas. O volume aborda o papel de Xosé Ramón Barreiro na construción dunha nova Igrexa galega nos anos sesenta da man de José Ramón Rodríguez Lago, a académica correspondente Ana Romero Masiá asina un artigo sobre as contribucións do profesor no estudo da historia local e Emilio Grandío Seoane profunda na relevancia dun “historiador de convicción que entendía Galicia como o seu principal obxectivo de estudo, pero cunha vocación rotunda de intervir no presente para mudalo de raíz”.
O apartado da vida oficial da RAG inclúe ademais as necrolóxicas dos académicos de honra Arcadio López-Casanova, Basilio Losada e Nélida Piñon, asinadas por Xesús Alonso Montero, Helena González González e Ramón Villares, respectivamente.
As Letras de Florencio Delgado Gurriarán: “Córgomo foi unha festa”
O último Boletín arrinca cos traballos centrados na figura de Florencio Delgado Gurriarán, ao que a RAG lle rendeu homenaxe o 17 de maio de 2022. “Córgomo foi unha festa. Poucas veces a celebración do Día das Letras Galegas tivo unha resposta tan activa e espontánea. Imposible entender a poesía e mesmo o talante de Florencio Delgado Gurriarán sen a música e a paisaxe de Valdeorras”, subliña Víctor F. Freixanes no limiar.
O primeiro apartado do Boletín xunta os traballos presentados no Simposio Florencio Delgado Gurriarán os días 3 e 10 de novembro por Xesús Alonso Montero, Ramón Nicolás, Débora Álvarez Moldes, Concepción Álvarez Pousa, Xosé Manuel Dasilva, Ricardo Gurriarán Rodríguez, Xosé L. Pastoriza Rozas, Samuel Diz e Pilar Cagiao; e o segundo reproduce as alocucións académicas pronunciadas en Córgomo por Ramón Villares, Rosario Álvarez e Xesús Alonso Montero.