Fina Casalderrey participa na homenaxe de Zas ás cantareiras

Fina Casalderrey participou en representación da Real Academia Galega na homenaxe ás cantareiras e á poesía popular oral coa que o Concello de Zas pechou o ciclo literario e cultural Follas de Outono. A escritora reflexionou no seu relatorio sobre o valor deste patrimonio inmaterial e mesmo animou o público a recitar algunhas coplas. O acto que se desenvolveu no auditorio de Baio contou tamén coa participación de pandeireteiras de distintas xeracións da Asociación Cultural Adro.

1/3

As cantareiras interpretaron varias pezas e compartiron as súa experiencia como tocadoras, desde os seus inicios ata colaboracións con artistas como Amancio Prada ou Caamaño&Ameixeiras. Como convidadas especiais, a celebración contou ademais con Clarisa Santos e Matilde Ferreiro, veciñas de Pudenza que gardan na memoria un rico repertorio de cantigas populares.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, pechou o acto cunha defensa da lingua galega e da importancia do patrimonio inmaterial que a Real Academia Galega quixo reivindicar este ano, e agradeceu a presenza de Fina Casalderrey, quen plasmou a súa gratitude polo convite no libro de honra do concello.