Fina Casalderrey, candidata ao Premio Astrid Lindgren 2024

A académica Fina Casalderrey acaba de ser elixida a candidata española da vindeira edición do Premio Astrid Lindgren, o galardón de literatura infantil e xuvenil que concede o goberno sueco. A escritora pontevedresa foi proposta pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), a sección estatal do International Board on Books four Young People (IBBY), a iniciativa da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Na modalidade de ilustración representará a España a ilustradora vasca Elena Odriozola.

A coordinadora do proxecto da Real Academia Galega para o público infantil, Primavera das Letras, xa optou en 2011 e 2012 a se facer con este recoñecemento, o segundo premio máis importante a nivel mundial no campo da literatura infantil e xuvenil. O primeiro é o Hans Christian Andersen, considerado o Premio Nobel neste eido, que opta tamén a gañar o ano que vén canda Elena Odriozola na modalidade de ilustración.

O galardón que leva o nome da creadora de Pippi Mediaslongas ten por obxecto potenciar o interese na literatura infantil e xuvenil e fomentar os dereitos da infancia. Un total de 245 candidatos e candidatas de 68 países están nomeados na última edición. O nome da persoa gañadora darase a coñecer o vindeiro mes de abril.