Filomena Dato, a voz en defensa das mulleres

Moruxo, a parroquia de Bergondo na que viviu os últimos anos da súa vida, acolleu esta mañá unha homenaxe á escritora Filomena Dato (1856-1926) co gallo do seu 92 cabodano. No acto, organizado polo Concello de Bergondo, participaron representantes municipais, da Real Academia Galega (RAG), e das asociacións culturais Irmáns Suárez Picallo e Lisístrata, que colaboraron nesta iniciativa para recordar a quen foi unha das escasas autoras femininas e feministas da Galicia de finais do século XIX, membro correspondente da RAG desde a fundación da institución en 1906 e segunda autora en publicar, despois de Rosalía, un libro en galego.

Unha alumna do CPI Cruz de Sar recitando versos de Filomena Dato. Á esquerda, Rubén Aramburu, Víctor F. Freixanes, Dores Tembrás, Francisco Pita e Alejandra Pérez Máquez. Fonte: RAG


A homenaxe tivo lugar ao pé do camposanto onde Filomena Dato fora despedida en 1926 nunha cerimonia á que acudiron destacados membros da vida cultural e política, entre eles o presidente da RAG naquel momento, Francisco Ponte. A escritora, nada en Ourense o 26 de xullo de 1856, pasara os últimos anos da súa vida no Pazo do Curro, a moi pouca distancia.

O párroco Rubén Aramburu conduciu o acto, no que tomaron a palabra a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez; Francisco Pita, da Asociación Irmáns Suárez Picallo, e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. A homenaxe contou tamén coa colaboración da poeta e editora Dores Tembrás, natural de Bergondo, a actriz Ana Hermida e alumnas e alumnos de 2º da ESO, que leron distintos fragmentos da obra de Filomena Dato. A mañá concluíu co descubrimento dunha escultura na honra de Filomena Dato asinada por Francisco Escuredo e a interpretación do Himno galego, a cargo de José Otero López, xunto a un retrato de Filomena Dato prestado para a ocasión por descendentes da familia da homenaxeada, que participaron na celebración xunto a veciños e veciñas.

Víctor F. Freixanes recordou que Filomena Dato foi a segunda muller que publicou un libro en galego, despois de Rosalía de Castro. Con esta obra, Follatos (1891), "contribuíu a esa bandeira que ergue a cultura, a lingua galega e a dignidade de Galicia, porque unha lingua son os seus falantes, a xente que a fala, a xente que a ama, que a usa, que a herdou dos avós e que quere transmitírllela aos seus netos e netas", expresou o presidente da RAG.


Un momento da intervención do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. Fonte: RAG


"Filomena Dato loitou coa súa pluma polas mulleres e os seus dereitos", engadiu na súa intervención a alcaldesa Alejandra Pérez Máquez. A autora foi, de feito, desde os anos oitenta do século XIX unha das voces principais que se fixo oír en defensa das mulleres desde o galeguismo, unha postura que mantivo como oradora e tamén na súa obra escrita. Exemplo dela é o poema "En defensa das mulleres", premiado en 1887 no certame literario convocado en Ourense inspirado na memoria do padre Feixoo e a defensa que fixera da muller o frade no século anterior. Esta composición, con máis de 400 versos, na que rebate os prexuízos da época contra as mulleres e salienta os seus méritos, foi recollida catro anos despois en Follatos.

No seu momento, no ano 1891, o volume foi editado pola imprenta de Antonio Otero e saíu á venda a un prezo de 3 pesetas. Unha edición facsimilar non venal de Follatos, a partir dun exemplar custodiado na biblioteca da Real Academia Galega, acaba de saír do prelo da Deputación da Coruña como parte da homenaxe á escritora no seu cabodano.

A Asociación Cultural Suárez Picallo, parte fundamental na recuperación da figura da poeta das Mariñas, está ademais a preparar unha publicación con novas referencias sobre Filomena Dato, parte delas recollidas nos fondos da RAG. Entre elas hai tamén noticias publicadas á outra beira do Atlántico, proba da "relevancia de Filomena Dato tivo no seu día", expresou Francisco Pita. Con esta e outras contribucións, a asociación pretende "rescatar a autora do seu inmerecido esquecemento", rematou.


Os participantes no acto e descendentes da familia de Filomena Dato posan tras a celebración xunto ao monolito descuberto esta mañá e un retrato de Filomena Dato. Fonte: RAG