Estudantes de catro continentes inician tres semanas de inmersión lingüística nos Cursos Galego sen fronteiras

Setenta estudantes de máis dunha vintena de nacionalidades profundarán ata o 24 de xullo na lingua e na cultura galegas nunha cita xa tradicional. A Facultade de Filosofía acolleu hoxe a inauguración dos XXXII Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras", cun programa que alén de lles ofrecer clases teóricas e prácticas sobre lingua, literatura ou sociolingüística, contempla visitas culturais e relatorios a cargo de profesionais de diversos eidos que lles achegarán diferentes olladas á realidade do país. Os encontros serán tamén un espazo de amizade e descuberta mutua, subliñou o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, quen impartirá este xoves a conferencia inaugural na sede da RAG, na rúa Tabernas da Coruña.

A Real Academia Galega coorganiza desde 1988 os Cursos Galego sen fronteiras da man do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. A iniciativa conta co apoio da Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O presidente Víctor F. Freixanes, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, o director do ILG e académico de número, Xosé Luís Regueira, a secretaria técnica dos Cursos, Liliana Martínez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, foron os encargados de darlles a benvida este mediodía aos estudantes desta nova edición, procedentes de Rusia, Finlandia, Hungría, India, Irán, Madagascar, Romanía, Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Cuba, República Checa, Inglaterra, Gales, Estados Unidos, Polonia, Italia, Portugal, Venezuela e distintas comunidades autónomas de España.

Tras unha breve presentación do programa por parte de Liliana Martínez, o presidente da RAG expresou na súa intervención que Galicia non remata no seu territorio, porque é "un país que está no mundo", a través emigración, e salientou que a lingua galega, irmandada co portugués, "está instalada no mundo cunha personalidade propia". A comunicación entre culturas marca tamén o carácter destes cursos, engadiu Víctor F. Freixanes recordando o propio nome da iniciativa. "Chamámoslle Galego sen fronteiras porque as fronteiras limitan, son muros que nos impiden coñecernos mellor uns aos outros, e o que non se coñece nos se ama", indicou. O responsable da Academia mostrouse así convencido de que o alumnado marchará, un ano máis, namorado "dun país cheo de vida", como lle sucedeu a Marlene Fleissig, estudante dos cursos na edición de 2016 procedente de Alemaña, que ambientou parte da súa primeira novela en Galicia, puxo como exemplo.

En termos semellantes, o reitor, Antonio López, agardou que os participantes atopen despois desta experiencia "sempre unha razón para volver a Galicia"; e o director do ILG e membro da RAG, Xosé Luís Regueira, subliñou que nas vindeiras tres semanas o alumnado terá ocasión de vivir en galego e descubrir que esta é "unha lingua na que se fai, música, baile, literatura ou películas e que é, sobre todo, unha lingua viva". "Hoxe comeza esta pequena aventura que seguramente, para algúns de vós, non acabará o 24 de xullo, senón que vos acompañará o resto da vida", confiou. Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, puxo o acento na importancia destes cursos para a proxección exterior do galego. "Sodes parte importancia do noso proceso de normalización", afirmou.

Relatorios e excursións
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, impartirá a conferencia inaugural dos cursos este xoves na sede da institución, nunha xornada na que o alumnado tamén terá a oportunidade de visitar a Torre de Hércules. O calendario de palestras continuará a semana que vén co escritor, músico e produtor Antón Reixa, cunha intervención sobre a produción audiovisual como promoción de normalización lingüística; a música Paulina Ceremuzynska, que ofrecerá un achegamento ás cantigas medievais galegas; e un relatorio do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, titulado Rosalía en Camiño. A semana seguinte será a quenda da directora de Vinte, María Yáñez, que abordará as oportunidades e os desafíos para a lingua nos medios de comunicación; o contador e poeta Celso Fernández Sanmartín, o actor e director teatral Quico Cadaval e o arqueólogo José Suárez Otero, que impartirá conferencia sobre as orixes do Camiño de Santiago.

O alumnado dos XXXII Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" poderá participar ademais en obradoiros de música e baile tradicional e realizarán unha excursión a Fisterra. A maior parte das actividades programadas desenvolveranse nas facultades de Xeografía e Historia e Filosofía, que colaboran cos cursos coa cesíón de espazos.