O nome do espectáculo fai referencia a dúas novelas breves de Carlos Casares, O galo de Antioquía e Un polbo xigante, dous relatos polos que o actor ten predilección e que se desenvolven en dous escenarios vitais do escritor. "O galo de Antioquía está claramente ligado a Xinzo de Limia, onde pasou boa parte da infancia, e Un polbo xigante fala dun acontecemento arredor do mar, e el viviu e traballou na ría de Vigo, aínda que a orixe deste libro é unha historia que acontece na Habana pero contada en Ourense", explica Avelino González. A partir destas dúas narracións, armou un espectáculo que define como "unha biografía", un percorrido pola vida de Casares no que debulla feitos e anécdotas agrupadas arredor de boa parte das súas obras para adultos.
Como materia prima, ademais destes libros, Avelino González mergullouse nas columnas de "Á marxe" que o escritor publicou durante unha década en La Voz de Galicia. "Fun encontrando moitas sorpresas e atopeime moi cómodo con Casares, porque recorre moito ao humor, refúxiase moito nel. El dicía sobre a literatura e a vida en xeral que do que se trata é de non aburrirse demasiado, e por iso a súa aposta polo humor é clara", valora o artista.