Diálogo en Vigo sobre don Antonio de Insuela

O Club Faro acolleu nas vésperas do 17 de maio un encontro dedicado ao protagonista do Día das Letras Galegas 2019. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, compartiu este mércores mesa redonda con Malores Villanueva e Héctor Cajaraville, biógrafos de Antonio Fraguas, e o editor e profesor Manuel Bragado. Víctor F. Freixanes definiu a data instaurada pola Academia en 1963 como "un dos grandes inventos da cultura galega do século XX", unha conquista histórica que debe ser motivo de orgullo.

Manuel Bragado, Víctor F. Freixanes, Malores Villanueva e Héctor Cajaraville no Club Faro. Foto: José Lores. Cortesía do Faro de Vigo


O Día das Letras Galegas mestura -dixo- celebración e reivindicación, nesta ocasión arredor da figura de don Antonio (Loureiro, Cotobade, 1905 - Santiago de Compostela, 1999), cuxa biografía é "a crónica do galeguismo do século XX". A Real Academia Galega celebrará este 17 de maio na súa terra natal, de onde é tamén natural Malores Villanueva, autora da biografía do ilustre veciño do lugar de Insuela titulada Antonio Fraguas. Mestre da memoria (Galaxia, 2019). Héctor Cajaraville tamén profundou na vida e na obra de Fraguas, pero co propósito de achegalas ao público infantil e xuvenil, nas páxinas de Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo (Xerais, 2019).