Compilación da poesía completa de Paz-Andrade

O libro, titulado Poesía Completa e editado polo profesor Gregorio Ferreiro, reúne toda a obra lírica do protagonista do Día das Letras 2012.
Capa do libro Poesia Completa editada por Xerais
Portada do libro editado por Xerais

Ademais dos catro libros de poesía publicados en vida do autor -Pranto Matricial (Galicia, 1955), Sementeira do vento (Galaxia, 1968), Cen chaves de sombra (Ediciós do Castro, 1979) e Cartafol de homenaxe a Otero Pedrayo (Fundación Otero Pedrayo, 1986)- Poesía Completa (Xerais, 2012) recolle tamén toda a produción lírica de Valentín Paz-Andrade que ficaba aínda inédita, ata completar un extenso volume de máis de 750 páxinas.

Deste xeito ponse de manifesto, en palabras do director de Xerais, Manuel Bragado, que "a vontade poética de Paz-Andrade foi ininterrompida ao longo de máis de cincuenta anos". Na presentación do libro, celebrada no Consello da Cultura Galega, participaron, ademais do propio Manuel Bragado, os membros de número da Academia, Rosario Álvarez Blanco e Xesús Alonso Montero.