Cincuenta anos da I Mostra de Teatro Abrente e de ‘Zardigot’

No solpor dun franquismo no que aínda imperaba a censura, un grupo de mozos e mozas de Ribadavia decidiu pór en marcha unha asociación cultural ao xeito das moitas que agromaban naquela altura ao longo do o país, mais especializada nun xénero pouco cultivado: o dramático. Así naceu en 1973 a Mostra de Teatro Abrente. Aquela primeira edición marcou un fito na historia da dramaturxia galega contemporánea e tivo como un dos seus protagonistas ao hoxe académico Euloxio R. Ruibal, gañador do concurso de textos teatrais coa obra Zardigot.

Na Mostra de Teatro Abrente deuse a coñecer unha nova xeración de dramaturgos cun estilo marcado pola experimentación estética e vontade de intervención política, o chamado Grupo Abrente, do que formaron parte, entre outros, Manuel Lorenzo, o propio Euloxio R. Ruibal e Roberto Vidal Bolaño, autor ao que a RAG lle dedicaría corenta anos despois o Día das Letras Galegas.

Ademais da representación de obras teatrais, a Mostra organizaba tamén un concurso de textos dramáticos no que o xurado da edición de 1973 -integrado por Xesús Sánchez Orriols, Xesús Alonso Montero, Manuel Lorenzo e Ricard Salvat- lle outorgou o primeiro premio a Zardigot. En segundo lugar, ficou Farsa de Bululú, do protagonista do Día das Letras Galegas de 2016, Manuel María.

Zardigot, dedicada a Eduardo Blanco Amor, escenifica unha traxedia provocada pola irrupción da violencia política no plano familiar e a presenza ominosa do desexo incestuoso. O contexto histórico da obra, o da guerra civil entre liberais e conservadores no XIX, ofrecía doadas semellanzas coa guerra civil do 36 e a represión posterior aos fuxidos durante a posguerra. O seu contido antibelicista e a introdución de cancións e de recursos de distanciamento, como os parlamentos dos personaxes co público, poñen en relación Zardigot co teatro épico brechtiano, máis en concreto, con Nai coraxe e os seus fillos.

Nesta obra pódense apreciar algúns trazos de estilo característicos na produción posterior do dramaturgo ordense, como son a súa riqueza lingüística de liñaxe oral e popular, a vontade de explorar os límites formais do xénero e o indubidable alcance político duns argumentos marcados pola crueldade e o desexo. O grupo de teatro Circo, dirixido por Manuel Lorenzo e domiciliado no Circo de Artesáns da Coruña, levou á escena en varias ocasións Zardigot nos teatros de Lugo e de Ribadavia, cun reparto do que formaba parte, entre outras, a actriz Luísa Merelas.