Chus Pato asina a “Carta aberta a Europa” do festival Días de Poesía e Viño
A académica de número Chus Pato é a autora da "Carta aberta a Europa" da última edición do festival de Días de Poesía e Viño que se celebrou a finais de agosto en Eslovenia, unha das principais citas poéticas europeas. A misiva, escrita en galego e difundida en distintas linguas, aborda a situación de guerra en Ucraína, a identidade europea e mais a emigración como elemento que contribúe a dita identidade partindo da experiencia persoal dunha viaxe que realizou polas terras ucraínas acompañada pola tamén poeta Erin Moure.
“Oxalá poidamos ver o mencer no que Europa non padeza o capricho dun deus patriarcal nin os celos da súa consorte divina. Oxalá se cumpran mil primaveras máis para estes campos que compartimos e para os idiomas, aínda hoxe desprezados, que algúns e algunhas escribimos e falamos e nos que intensas amamos”, conclúe Chus Pato na carta que leu no encontro.
A poeta tamén participou no festival recitando versos da súa autoría que o público escoitou en galego e esloveno.