O Domingo de Piñata dedicado a Antonio Fraguas contou coa implicación dos veciños e veciñas de oito parroquias e das escolas deportivas, nun día de celebración que tivo como punto de encontro Carballedo. Non faltaron, entre outros grupos, o das madamiñas de Valongo. As madamiñas, contaba Fraguas, eran bailadoras que adoitaban ir vestidas de traxe de raso negro e acompañaban os madamiños, vestidos da mesma cor e tamén bos bailadores.
O Entroido foi unha nova ocasión para homenaxear a Antonio Fraguas no seu lugar de orixe, onde a Real Academia Galega presentou o pasado 28 de febreiro o proxecto web Primavera das Letras dedicado á súa figura. Tras esta festa, Cerdedo-Cotobade segue a traballar en novas iniciativas arredor do Día das Letras Galegas que protagonizará o seu fillo predilecto, "unha oportunidades histórica para un concello pequeno como o noso", salienta o alcalde, Jorge Cubela. Unha delas será a reedición do Cancioneiro de Cotobade recollido polo académico, desta volta acompañado dun cedé con trece coplas cantadas por Sonsoles Martínez, veciña da localidade. Roteiros escolares e para adultos polos lugares vinculados á vida e aos temas de interese do homenaxeado, exposicións de artesanía e do traxe galego e concertos son outras das accións previstas ao longo deste 2019.