Cenlle nomea cronista oficial a Clodio González

Cenlle acolleu o 21 de maio un acto especial de homenaxe a Clodio González. O concello ourensán celebrou así o nomeamento do académico correspondente como cronista oficial, aprobado o pasado mes de abril por unanimidade no pleno da corporación municipal. Con esta distinción, o municipio ourensán onde naceu recoñece o seu labor de divulgación da cultura galega en xeral e do Ribeiro en particular.

Clodio González, á esquerda da imaxe, foi homenaxeado nun acto celebrado na Igrexa de Santa María de Cenlle


Mestre xubilado, historiador e etnógrafo, Clodio González é académico correspondente da Real Academia Galega desde o pasado 5 de novembro. A homenaxe que se lle rendeu hoxe na súa terra natal tivo lugar na Igrexa de Santa María de Cenlle. O acto incluíu as actuacións musicais da Coral Viladauga de Laias, a Rondalla Alfaia de Cenlle e o Orfeón do Carballiño.