A Sección de Historia inaugura cos anos de Castelao en Buenos Aires o ciclo ‘Momentos da cultura galega’

A Sección de Historia da Real Academia Galega inaugura o ciclo Momentos da cultura galega cunha xornada arredor dos anos de Castelao en Buenos Aires. A nova proposta comeza o mércores 5 de novembro cun acto no Museo de Pontevedra que afondará na etapa do intelectual no exilio de Buenos Aires -onde faleceu en xaneiro de 1950- e na súa relevancia no seu legado intelectual, político e artístico. O programa que coordina o director da Sección, Ramón Villares, arrincará ás 18 horas e contará cos relatorios do presidente da RAG, Henrique Monteagudo, o catedrático de Historia Contemporánea da USC Xosé Manoel Núñez Seixas e a directora da propio museo, Ángeles Tilve. A proxección das imaxes de Castelao na capital arxentina custodiadas pola Filmoteca de Galicia poralle o ramo ao encontro.

“A palabra momentos está bastante acreditada na historia intelectual europea. Serve para remarcar o papel que ás veces exerce nun contexto cultural determinado unha obra, outras un individuo, en ocasións unha institución”, explica o director da Sección de Historia, Ramón Villares. “Tense falado moito, por exemplo, do momento Maquiavelo por parte dos politólogos franceses ou do momento Sartre en Francia. Para o noso caso, temos varios exemplos, e decidimos comezar por Castelao neste ano que se lle dedica, cadrando co seu 75 cabodano, porque marcou profundamente varios aspectos da cultura galega. Queremos reflexionar sobre a importancia que tivo como autor, na política do exilio e no desenvolvemento da estratexia para a construción do que el chamou a Galiza ideal”, engade o académico de número.

Ramón Villares moderará a mesa, na que o presidente da Real Academia Galega retratará o Castelao ensaísta e orador na intervención titulada De Sempre en Galiza a Alba de Gloria, en referencia ao volume que publicou en Buenos Aires no ano 1944 e o derradeiro discurso público que pronunciou tamén na capital porteña o 25 de xullo de 1948. Ángeles Tilve falará d’As cruces de pedra na Galiza, un estudo que iniciara nos anos 20 e que rematou ao outro lado do Atlántico, e que significa “o cumio do Castelao investigador”; e o historiador Xosé Manoel Núñez Seixas pronunciará o relatorio Castelao e a construción da "Galiza ideal" no exilio (1940-1950).

A Real Academia Galega organiza Momentos da cultura galega. Castelao en Buenos Aires coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra. A xornada, de entrada libre, poderase seguir ademais en directo dende esta páxina web e na canle de Youtube da RAG.

Castelao na Academia
Con esta iniciativa a RAG continúa a celebrar o Ano Castelao. O pasado 7 de xaneiro, día do seu pasamento, abriu o sitio web Castelao na Academia, un espazo para achegar ao público xeral a gran figura política e cultural da Galicia contemporánea, membro de número da institución. Mentres Castelao viviu no obrigado desterro, a Academia non declarou vacante a súa cadeira, en recoñecemento ao seu legado e á súa significación. Tras o seu pasamento, conservou viva a súa memoria e neste Ano Castelao volve poñer o foco no seu pensamento.

O sitio web de Castelao consta de dúas seccións. En “Castelao na RAG” preséntanse de maneira divulgativa materiais da Academia relacionados co intelectual que poden ser de interese para a comunidade investigadora e tamén para o público xeral. Na outra sección, “Pezas destacadas”, membros da RAG e outros especialistas presentan cada mes unha peza senlleira relacionada coa biografía ou a obra de Castelao.