Letras galegas 2020

Carvalho Calero, o primeiro grande investigador de Rosalía de Castro

O 17 de maio de 1958 Ricardo Carvalho Calero ingresaba na Real Academia Galega cun discurso dedicado a Rosalía de Castro. Nin a escolla do tema nin a data foron casuais. Ese mesmo día celebrábase o 95 aniversario da publicación de Cantares gallegos e cinco anos despois, no centenario da obra, a RAG dedicaríalle á escritora fundacional da literatura galega contemporánea o primeiro Día das Letras Galegas. Rosalía xa fora motivo de atención de Carvalho Calero na súa tese de doutoramento e no volume 7 ensayos sobre Rosalía (1952), e seguiríao a ser ao longo de toda a súa vida, salienta Pilar García Negro, que participou esta tarde na segunda xornada do simposio das Letras Galegas organizado pola RAG. Carvalho Calero foi, de feito, "o autor primeiro e primordial en abordar a investigación rigorosa e integral da obra da escritora", destaca a profesora honoraria da UDC, que compartiu con Dolores Vilavedra e Alberte Valverde a mesa centrada nos estudos literarios do autor, moderada pola académica Marilar Aleixandre. A sesión pode verse nesta ligazón.

"Rosalía de Castro foi parte das primeiras lecturas de Carvalho Calero e ela tamén o acompañou na súa despedida", resume Pilar García Negro, que centrou o seu relatorio nos estudos do autor sobre a escritora. O seu derradeiro artigo, publicado postumamente, ten a Rosalía por obxecto e pecha dalgún xeito un círculo que comezara no poema "Madrigal a Rosalía", publicado n'O silenzo axionallado (1934), xustifica a profesora. Máis de medio século separan ambos os textos, unidos por centos de páxinas dedicadas por Carvalho Calero ao estudo, a análise, a interpretación e mais a divulgación de Rosalía de Castro. Pero alén do cuantitativo (máis de cen entradas), a bibliografía rosaliana do protagonista das Letras Galegas 2020 destaca no cualitativo, "no que ten de abordaxe científica pioneira" que somete a obra da escritora a "unha análise como a dispensada a outros clásicos da literatura universal", matiza a investigadora. "Tal perspectiva investigadora supón unha novidade integral nun contexto cultural onde a escritora era máis citada do que lida, máis reverenciada do que coñecida, inclusive máis deformada do que recoñecida na súa verdade textual", engade.

Pola esquerda, Dolores Vilavedra, Pilar García Negro e Alberte Valverde. Fonte: RAG

As primeiras grandes contribucións de Carvalho Calero na análise rosaliana datan dos anos 50 e 60: "Arredor de Rosalía", publicado no volume colectivo 7 ensayos sobre Rosalía (1952); a súa propia tese de doutoramento, defendida na Universidade Complutense de Madrid en 1954; os volumes dela derivados; o seu discurso de ingreso na RAG, Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía (1958); e a publicación do primeiro tomo da súa magna Historia da literatura galega contemporánea (1963), repasa Pilar García Negro. Xa no último treito da súa vida, cómpre salientar a intensa actividade que desenvolveu en 1985, ano do centenario do pasamento da escritora e no que asumiu, entre moitos outros compromisos, a presidencia do Congreso Rosalía de Castro e o seu tempo.

Alén de Rosalía, a Historia da literatura galega contemporánea é no seu conxunto unha obra esencial para comprender a proposta global do canon literario para o século XX de Carvalho Calero. Neste título incidiu tamén Alberte Valverde nunha intervención sobre a produción crítica e historiográfica do autor referida ao discurso poético, que arrinca nos anos de mocidade do autor e a súas publicacións na revista Nós. O investigador presentou unha viaxe polos textos ensaísticos que o profesor publicou entre 1931 e 1981 incidindo en conceptos como nacionalismo literario, literatura nacional e canon.

O peso de Castelao e Otero Pedrayo

As contribucións á canonización da narrativa foron analizadas por Dolores Vilavedra. A profesora da Universidade de Santiago de Compostela indica que o autor non amosou moito interese pola narrativa ficcional, que consideraba un xénero secundario fronte á poesía, e o peso na súa ollada dos principios formulados polos homes de Nós como bases substantivas da identidade galega: lirismo, humorismo, sentimento da terra e saudade. A súa obra como crítico deixa claro, en calquera caso, a súa preferencia polas formas narrativas breves e a "alta consideración canónica que sempre lle mereceron Castelao, Otero Pedrayo e, nun segundo nivel, Vicente Risco". "As obras narrativas dos dous primeiros autores serán as que capten maioritariamente a súa atención analítica e crítica", apunta Dolores Vilavedra. E deste xeito a comparación con Otero e Castelao serviralle tamén a Carvalho Calero "como criterio avaliador e canonizador de obras e autores". Por exemplo, na Historia da literatura galega di de Dieste: "Lembra a Castelao. Humor, lirismo, ambiente temático, acabado da obra, importancia da conclusión: todo esto é común a ambos rianxeiros".

Dolores Vilavedra abordou ademais, entre outros aspectos, a simpatía de Carvalho Calero pola Nova Narrativa Galega e o seu "posicionamento distante" perante a produción narrativa de Eduardo Blanco Amor, ao seu xuízo condicionado por consideracións ideolóxicas, "tanto no relativo á moral coma a manifestacións de certo clasismo". A profesora considera que a actuación canonizadora do autor no relativo á narrativa galega estivo, de feito, sempre mediatizada polos seus prexuízos, dende os identitarios aos lingüísticos. "Mais coido que, máis a miúdo do que se adoita recoñecer, foi quen de superalos ou, máis ben, integralos no seu punto de vista para achegarse aos textos dende unha perspectiva inmanente, deixándonos análises que hoxe resultan iluminadoras e, diría eu, imprescindibles", conclúe.

A académica Marilar Aleixandre presenta a xornada. Fonte: RAG

A Real Academia Galega organiza o Simposio Carballo / Carvalho Calero coa colaboración da Xunta de Galicia. O programa continuará os vindeiros xoves 22 e 29 de outubro afondando na produción literaria e as ideas lingüísticas do autor homenaxeado.