Carta de despedida de Begoña Caamaño

A que se reproduce deseguido é a carta de despedida que Begoña Caamaño lle escribiu á súa amiga Uxía Senlle. Leuse na homenaxe póstuma á escritora que se celebrou no cemiterio de Boisaca (Santiago de Compostela) o 28 de outubro de 2014, un día despois do pasamento da autora que homenaxeamos nestas Letras Galegas 2026. Agradecemos a Uxía o permiso para a súa reprodución cadrando co seu cabodano.

Querida Uxi:

Eu levo xa tanto vivido, tanto aprendido, tanto amado e tanto amor recibido que non podo dicir que a miña morte sexa inxusta. Indesexada si, como todas... que me encantaría vivir outros 47 anos, tamén. Sempre temos apego a vida, sobre todo porque sabemos que, pese aos seus mil amargores, a vida compensa. Ter tido unha vida tan boa, tan rica, tan chea en coñecementos, curiosidades e, sobre todo afectos, é un regalo. Ter medo á morte cando a vida foi tan rica e intensa é normal, pero morrer tras unha vida así é, en realidade, unha sorte. Pero Uxi, non vou mentir dicindo que por veces non teña medo e rabia, pero é máis pola incerteza que pola morte en si mesma.

Putada, o que se di unha putada grande e real sería ter vivido unha vida de merda, estar dende os seis anos furgando na basura dos vertedoiros de Antanaribo, ou dende os oito turrando dunha vagoneta de carbón en Bolivia, ou dende os once pechada nun burdel de Bankog! Ter unha vida tan miserable que che fai desexar a morte como un alivio.

Iso é a gran putada... e hai millóns de persoas que sofren a vida, porque realmente a sofren, cada día. Ter tido unha vida tan boa, tan rica, tan chea en coñecementos, curiosidades e, sobre todo afectos, é un regalo. Ter medo á morte cando a vida foi tan rica e intensa é normal, pero morrer tras unha vida así é, en realidade, unha sorte... canta xente morrería só por ter a metade do que eu tiven....

Polo demais, Uxía ben amada, ata nestas circunstancias, aínda que pareza estrano, son feliz, por moi grande e absurda que soe a palabra felicidade. 

Gostaríame morrer como no fermoso cadro de Leandro Lamas co que me agasallastes... facer unha festiña tranquila, poder vervos a todas e todos, despedirme de cada unha de vós, partillar un brinde pola vida, escoitarte por última vez cantar o Alalá das Mariñas e logo adormecer... sen dor, sen estertores, adurmiñarme repousando no peito de Etxaniz, ir notando como o sono me vence, como a túa voz soa cada vez máis baixiña no meu  corazón, como os vosos sorrisos se van desdebuxando, perdendo as vosas individualidades ata se convertir nun sorriso único, cálido e amable coma o sol nun día de xuño... e xa non despertar máis. Ese é o meu último, íntimo gran desexo. Egoísta, sen dúbida, pois en absoluto me preocupa a "outra parte", vós e a vosa tristura e desconsolo.

Mais a vida foi tan boa comigo, tan boa con todas vós que ata nos está dando o tempo preciso para nos ir facendo á idea e que o salto definitvo non sexa tan traumático nen tráxico, senón unha dor miúda, serea e calma.. e que esteades todas xuntas, todos xuntos, para vos consolar mutuamente e, cando xa eu teña adormecido para sempre, volveredes a brindar por min, se é que vos parece que o merezo.

Bicos, Uxi. Quérote pola vida.