Remos en alto en lembranza de Bernardino Graña, poeta do mar, no seu primeiro cabodano.
O presidente da RAG intervén na homenaxe ante á Casa da Cultura Bernardino Graña.
Henrique Monteagudo posa coa alcaldesa de Cangas e outros participantes na homenaxe ao escritor e académico.
O acto concluíu coa descuberta dunha placa na fachada da Casa da Cultura Bernardino Graña.
Henrique Monteagudo participou canda á alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, outros representantes institucionais e o público asistente nun acto cheo de poesía que concluíu coa descuberta dunha placa de pedra co rostro do autor na fachada da Casa da Cultura que leva o seu nome, e onde se conservan o seu arquivo e a súa biblioteca. Parte dos asistentes participaron portando remos, evocando a vinculación de Bernardino Graña co mar, creador dunha lírica moi persoal na que os ambientes mariñeiros nos que medrou deixaron unha fonda pegada.
Bernardino Graña concibiu unha extensa obra literaria de ton vitalista e linguaxe popular. Membro fundador do grupo Brais Pinto, a súa voz é unha das máis recoñecidas polo público e a crítica contemporánea. Xunto ao mar, a paisaxe, a fala e a experiencia amorosa están tamén na base da súa poesía. Cultivou ademais o teatro e a narrativa, con especial atención ao público infantil.






