Cabodano de Manuel Murguía

O catro de febreiro de 1923 tiña lugar na Coruña o funeral polo primeiro presidente da Real Academia Galega, Manuel Martínez Murguía. A noticia do pasamento de Manuel Murguía ocupou un lugar destacado nas páxinas da prensa galega, tanto nas cabeceiras publicadas dentro do país como naquelas editadas polas comunidades galegas emigradas en América.
1/4

O primeiro xornal en informar da morte de Murguía foi o coruñés La Voz de Galicia, que na súa edición do 2 de febreiro de 1923 levaba en portada a nova da morte do intelectual galeguista, así como un extenso panexírico no que salientaba as súas achegas á historiografía galega, ao artellamento político do rexionalismo e, por suposto, o seu matrimonio con Rosalía de Castro.

En xeral, a prensa non se limitou soamente a dar conta das honras fúnebres que se lle dedicaran na Coruña ao primeiro presidente da Real Academia Galega, senón que ademais foron habituais as gabanzas da súa obra e da súa persoa, salientando a ampla obra escrita de Murguía e o seu labor incansable a prol do país.

A loanza deste último aspecto é especialmente visible na prensa de orientación galeguista, onde Murguía foi caracterizado como o Precursor do galeguismo contemporáneo. Así, no nº179 d'A Nosa Terra do 15 de febreiro, que se abría cunha fotografía do insigne erudito, o autor anónimo da noticia necrolóxica chegaba a cualificalo de "Patriarca celta" e de apóstolo do nacionalismo galego, gloria e guieiro das xentes do seu tempo. En termos semellantes expresábase a noticia do pasamento recollida no nº16 de Nós (1 febreiro): Murguía era o Patriarca "case lexendario" do Pobo Galego, e o Mestre que inicialmente inculcara o amor pola Terra nas novas xeracións de galeguistas.

Os eloxios non foron menores na prensa da emigración. O Nº. 185 do Eco de Galicia de La Habana (18 de febreiro), que tamén colocaba na súa portada un retrato do autor, abríase cun artigo anónimo titulado "Alma de Gigante" no cal se afirmaba que Murguía era un dos persoeiros máis ilustres de Galicia, dado que a el se lle debía o recoñecemento da personalidade propia do país. E noutra achega incluída dentro do mesmo número facíase unha enumeración (certamente incompleta) da súa produción intelectual. Desde Buenos Aires El Eco de Galicia contribuía a resaltar a trascendencia histórica do Patriarca publicando un número -o 1136 do 10 de febreiro- que estaba case por enteiro consagrado a el, con noticias sobre as cerimonias fúnebres, datos biográficos e incluso algúns fragmentos dos seus escritos.

Loxicamente a Real Academia Galega manifestou con especial pesar o falecemento do seu primeiro presidente, ao mesmo tempo que destacou a importancia da figura de Manuel Murguía. Nun número monográfico -o número 150, con data do 1 de marzo- a institución expresaba a súa aflición pola perda, e ademais ofrecía informacións moi detalladas sobre o enterro e sobre as honras fúnebres, indicando tamén os testemuños de dó e as numerosas mostras de respecto recibidas pola morte do seu presidente e fundador.