Bergondo lembra o académico fundador Florencio Vaamonde Lores

San Xoán de Ouces, a parroquia de Bergondo onde naceu Florencio Vaamonde Lores (1860-1925), acolleu o pasado domingo unha homenaxe a quen foi académico fundador no centenario do seu pasamento. O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, participou na celebración, unha iniciativa organizada polo Concello de Bergondo e o CPI Cruz do Sar coa colaboración da RAG, a AELG, a Xunta de Galicia e a asociación Roxín Roxal. 

O programa dedicado ao autor incluíu unha ruta literaria pola súa parroquia natal, deseñada no marco do declarado en Bergondo Ano Florencio Vaamonde Lores.

Florencio Vaamonde Lores, ponte entre o Rexurdimento e as Irmandades da Fala, foi unha destacada figura da literatura galega do XIX. Escritor, tradutor e activista cultural, cultivou a poesía, a narrativa e o ensaio, e destacou polos seus estudos históricos e o seu labor precursor vertendo ao galego clásicos grecolatinos.

Tríptico do CPI Cruz do Sar sobre Florencio Vaamonde Lores.

Pola esquerda, Isabel Seoane, Henrique Monteagudo e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez