Baixada de prezos nos dominios .gal e un concurso de microrrelatos para proxectar o galego en Internet

A Real Academia Galega e Puntogal colaborarán na promoción do dominio galego en Internet, .gal, nunha campaña que reducirá o prezo dos novos rexistros durante o mes de febreiro e premiará os mellores microrrelatos que participen no concurso convocado no marco desta campaña. Ambas as entidades animan a toda a sociedade galega a reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo conectado, xusto nun mes no que se conmemoran efemérides destacadas como os aniversarios de Rosalía de Castro (24 de febreiro) e Eduardo Pondal (8 de febreiro), e o Día Internacional da Lingua Materna (21 de febreiro).

Pola esquerda, o secretario de PuntoGal, Darío Janeiro, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o presidente de PuntoGal, Manuel González. Fonte: RAG


O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o presidente de PuntoGal, o tamén académico Manuel González, presentaron esta mañá na sede da Academia a campaña. Con esta colaboración, a RAG aposta por "seguir potenciando a presenza do idioma na modernidade que representan as tecnoloxías da información e comunicación e por reforzar a identidade de Galicia no ciberespazo a través de .gal", salientou Víctor F. Freixanes.

"A lingua galega é o noso primeiro e basilar elemento de identidade como galegos, e o dominio .gal é unha mensaxe continuada ao mundo a través do ciberespazo na que lles estamos dicindo que somos un pobo cunha lingua útil e funcional. Neste mundo globalizado, a identidade é un valor cada vez máis cotizado e o dominio .gal é un vehículo excelente para darlle a coñecer ao mundo a nosa identidade", engadiu Manuel González. Un vehículo que animou a empregar a todos os organismos públicos, ao empresariado que exerce a súa actividade en Galicia e tamén a todos os galegos e galegas, para reforzar así "a cohesión social do noso pobo e tamén poñer en valor a calidade dos nosos produtos".

A día de hoxe, .gal ten máis de 4.300 nomes rexistrados. O dominio é xestionado pola Asociación PuntoGal, a entidade sen ánimo de lucro constituída por entidades de todos os ámbitos da sociedade galega grazas á cal Galicia conta con esta marca de identidade no mundo virtual desde o ano 2014. Durante o mes de febreiro rexistrar un novo dominio .gal poderá facerse a un prezo máximo de 15 euros por dous anos. Os rexistradores acollidos son Dinahosting, Arsys, CDMon, Blacknight e Openprovider. As condicións da promoción poderán consultarse en http://dominio.gal/promotion/ ou dirixíndose directamente ás empresas rexistradoras.

Premios tecnolóxicos e libros para os mellores textos de ata 200 palabras
A Real Academia Galega e Puntogal convocan ademais un concurso de microrrelatos para avivar a produción creativa nos novos espazos da comunicación. As persoas que desexen participar no concurso deberán enviar os textos, de ata 200 palabras, ao correo comunicacion@academia.gal do 1 ao 28 de febreiro.

O primeiro premio consistirá nun Ipad e unha cámara goPro, o segundo, nun Kindle e un disco duro externo e o terceiro (poderá haber ata tres), nun lote de libros, un dominio gratuíto durante un ano e merchandising de PuntoGal, agasallos estes últimos que tamén recibirán os dous mellores relatos. As bases completas poden consultarse nesta ligazón. O xurado fará pública a súa decisión no mes de marzo.