As Letras de Florencio pecha o ano de Delgado Gurriarán con dúas propostas de cine

O proxecto As Letras de Florencio pechará o ano dedicado ao poeta valdeorrés con dúas propostas de cine. O venres 16 de decembro estreará no cine da Rúa Florencio Delgado Gurriarán do A ao Z. O documental sobre o autor ao que a RAG lle dedicou o Día das Letras Galegas 2022, dirixido por Aser Álvarez, poderá seguirse ademais en directo a través de Youtube a partir das 12:00 horas, nun convite dirixido especialmente á comunidade educativa galega. O domingo 18 o Centro Cultural Avenida da mesma localidade acollerá a preestrea da longametraxe documental Florencio na Terra, dirixida polo petinés Domingo D. Docampo e gravada en Valdeorras e México.

Na estrea presencial na Rúa de Florencio Delgado Gurriarán do A ao Z participarán máis de douscentos escolares desta vila da comarca natal do poeta e activista cultural, un dos referentes do exilio galeguista en México, que a través da súa figura foi homenaxeado por primeira vez na gran festa da cultura galega.

A estrea simultánea en Valdeorras e en liña chega despois de que a película se presentase no Festival Internacional de Cine de Ourense e no festival Cineuropa de Santiago de Compostela. A sesión matinal contará coa presenza de Aser Álvarez, produtor, director e guionista do documental, que conversará co alumnado sobre o proceso de realización dunha proposta concibida en boa medida para un público novo.

A directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez Moldes, anima a comunidade educativa de toda Galicia a despedir o ano de Delgado Gurriarán seguindo en directo a través de Youtube o filme.

Xa o domingo, ás 20:00 horas, o Centro Cultural Avenida da Rúa será o escenario da preestrea da longametraxe documental Florencio na Terra, producida por SocialDocs. A proposta de Domingo D. Docampo inclúe secuencias de animación que recrean episodios da vida de Florencio Delgado Gurriarán e constitúe un achegamento persoal e creativo á figura do poeta. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.