As 'Horas de Compostela' enchen de versos de Salvador García-Bodaño o Día da Poesía

Salvador García-Bodaño naceu en Vigo (Teis, 1935), pero foi en Santiago onde construíu o seu canto. O espazo vital e literario que marcou o poeta e académico achegouse este 21 de marzo ata outra ourela na homenaxe que a Real Academia Galega lle rendeu na Coruña co gallo do Día da Poesía. Baixo o título Horas de Compostela, a institución celebrou a quen, "como poucos, soubo erguer a voz e, en tempos ben miserentos, facer do canto un abeiro liberador, autentificador". Son palabras do académico de honra Arcadio López-Casanova, compañeiro da chamada xeración das Festas Minervais xurdida "naqueles anos escuros" de finais dos 50, e autor da laudatio coa que arrincou o acto. Dez poetas escolleron os versos do homenaxeado que se leron e Miro Casabella recitounos, como leva décadas facendo, convertidos en cancións. O propio Salvador García-Bodaño pechou o acto con palabras de agradecemento aos intervenientes, "membros de distintas xeracións que aseguran as letras da nosa cultura e o porvir da nosa fala".

Salvador García-Bodaño pechou o acto cunhas palabras de agradecemento. Fonte: RAG

 


Salvador García-Bodaño acompañado dos intervenientes na homenaxe. Fonte: RAG


"É difícil separar a voz do poeta do territorio simbólico da cidade. O título desta celebración, homenaxe e festa da poesía, evoca inevitablemente o espazo que Salvador García-Bodaño habita dende a primeira infancia, malia nacer á beira do mar, pois ao longo da súa vida aquí foi construído o seu canto, que é tamén a súa equperiencia, memoria propia e memoria dos seus", salienta o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, no limiar da plaquette que recolle todas as contribucións da homenaxe, dispoñible en versión dixital nesta ligazón. "Compostela do corazón e da memoria (...). Compostela é a nación de Salvador; o espazo sentimental, emocional, histórico, sobre o que o poeta constrúe o seu discurso e se constrúe a si mesmo, espello de Galicia enteira, fiestra que se abre ao mundo e nos universaliza", conclúe.

"Compostela é unha rúa longa / na memoria / onde vagan os nomes / e as horas / que cada quen recorda...", recitaba pouco despois Fina Casalderrey, que lle puxo voz ao poema elixido por Luz Pozo Garza polo "afán soñador de comparar vida e arte". A mesma composición soou en forma de canción na voz de Miro Casabella, quen interpretou tamén "Se vas a Compostela" e "Adeus".

A poeta e música Andrea Porto foi a encargada de conducir a homenaxe. O serán avanzou entre os versos escolmados e comentados para a ocasión por Dores Tembrás, Xulio López Valcárcel, Alba Cid, Baldo Ramos e os membros da RAG Xosé Luís Franco Grande, Margarita Ledo Andión, Helena Villar Janeiro, Darío Xohán Cabana, Marilar Aleixandre e a propia Luz Pozo Garza. Páxinas de Ao pé de cada hora (1967), Tempo de Compostela (1978), Obra poética (1993), Pegadas no alcatrán (1994), Cidade virtual (2003), Cantos de ausencia. Elexías (1959 -2002) e a achega de Salvador García-Bodaño a Poetas con Rosalía I (2006), boa mostra todas elas da evolución de quen é unha das figuras máis destacadas da súa xeración. Porque o poeta "foi elaborando devagariño un corpus poético de rigorosa unidade e matizada evolución", rexido sempre por dous principios: "a fidelidade ao seu modo, que non á moda fugaz; e a relevancia dada, por riba de todo, á razón estética da palabra creadora", recorda Arcadio López-Casanova na loanza, que foi lida no seu nome por Marilar Aleixandre.


Miro Casabella nun momento da súa actuación. Fonte: RAG

 


Salvador García-Bodaño saúda ao público momentos antes de tomar a palabra. Fonte: RAG

 


Fonte:RAG


O acto foise achegando á fin coa intervención do director da Sección de Literatura da RAG, Xesús Alonso Montero, unha análise doutro poema de Salvador García-Bodaño dedicado á autora fundacional das letras galegas contemporáneas, "A Rosalía de Castro, campesiña na eternidade", publicado en Tempo de Compostela, pero escrito con anterioridade, polo menos en 1971, cando foi premiado nos Xogos Florais de Betanzos. "Salvador García-Bodaño, como outros poetas do seu tempo, achégase a Rosalía non só como devoto da súa obra poética, senón en demanda de respostas cívicas", expresou.