Paulina Ceremuzynska interpretando unha cantiga medieval. Fonte: RAG
Paulina Ceremuzynska estudou interpretación de música medieval na Universidade de Paris-Sorbonne (Francia) e musicoloxía na Universidade de Varsovia (Polonia). Froito do seu traballo de transcrición e interpretación das cantigas de amor do Pergamiño Sharrer é o disco Cantigas de amor e de amigo, a segunda gravación mundial das cantigas de amor do rei portugués don Denís, que obtivo excelentes críticas na prensa especializada. A súa investigación no eido musical deu tamén lugar aos discos E moiro-me d'amor (2007), consagrado á reconstrución da música perdida das cantigas de amigo dos máis destacados trobadores da tradición galego-portuguesa; e Audite Gentes! Salmos do Século de Ouro (2015).
No ano 2017 organizou en Santiago de Compostela un curso internacional de interpretación historicamente informada das Cantigas de Santa María e en 2019 é convidada ao Conservatorio CRR de París para impartir un curso sobre as cantigas medievais galegas.