As 113.000 consultas diarias do Dicionario virtual da RAG representan un aumento por riba do 60% das rexistradas en 2019, cando o exercicio pechou con preto de 26 millóns de buscas que representaban unha media de 70.000 ao día e un 26% máis ca só dous anos antes.
As reunións presenciais das seccións e dos seminarios da Real Academia Galega suspendéronse por mor do estado de alarma, pero a actividade científica da institución prosegue de xeito telemático. Esta mesma semana quedaron visibles no Dicionario os novos lemas e as entradas que foron revisadas e ampliadas polo Seminario de Lexicografía dende o mes de xaneiro. En total, atinxen a máis de 130 voces novas ou actualizadas.
O Dicionario da Real Academia Galega está dispoñible na páxina web da institución e a través do Portal das Palabras, o proxecto de divulgación do noso léxico posto en marcha en colaboración coa Fundación Barrié, que apoia ademais a actualización tecnolóxica do Dicionario e das súas aplicacións para iOs e Android.