Arrincan os XXXVI Cursos Galego sen fronteiras, un espazo para o diálogo intercultural

Os XXXVI Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” arrincaron este mediodía en Santiago de Compostela co acto de benvida aos 62 estudantes procedentes de dezaoito países de Europa, Asia e América que participan na convocatoria do programa que organiza a Real Academia Galega en colaboración co Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. A recepción celebrouse na Facultade de Filosofía, onde se desenvolverá durante tres semanas a meirande parte dun programa que constitúe un espazo de enriquecemento mutuo e de proxección exterior do idioma e da cultura galegas.

Alén de clases teóricas e prácticas de galego, o programa, apoiado pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, inclúe conferencias e obradoiros de música e baile tradicional, entre outras actividades. O acto de hoxe foi o primeiro punto de encontro, un recibimento no que interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; a directora dos cursos, a académica María López-Sández; a directora do ILG, Elisa Fernández Rei; a vicerreitora de Estudantes, Igualdade, Diversidade e Benestar da USC, Lorena Añón Loureiro; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García. 

Desde a súa posta en marcha en 1988, polas aulas dos Cursos Galego sen fronteiras pasaron máis de 2.500 estudantes de todo o mundo, entre eles Takekazu Asaka, tradutor ao xaponés de diversos clásicos galegos e académico de honra, quen tamén asistiu á apertura da nova edición. Nesta convocatoria contarán con estudantes internacionais de nacionalidade alemá, arxentina, brasileira, británica, checa, colombiana, cubana, estadounidense, húngara, india, italiana, polaca, portuguesa, rusa, suíza, uzbeka e xamaicana, así como alumnado doutras comunidades autónomas de España.

O presidente da RAG, profesor dos cursos nos seus comezos e director dos mesmos durante anos, celebra a vitalidade que seguen a ter e que, ademais de darlles a coñecer aos alumnos e alumnas a lingua e a cultura de noso, e mesmo promover investigacións internacionais sobre elas, contribúan ao entendemento entre pobos. “Nun mundo en que por desgraza se están estendendo os discursos do odio cara ao diferente, de exclusión contra a xente que vén de fóra, os Cursos Galego sen fronteiras son unha ocasión para que coñezades mellor Galicia, por suposto, pero tamén para que vos coñezades mellor entre vós. Para nós é unha gran satisfacción que a lingua e a cultura galegas sirvan para que persoas de distintos países se coñezan entre elas, que funcionen como ponte para o diálogo”, expresou na súa intervención.

A vicerreitora tamén salientou a dimensión de punto de encontro entre culturas destes cursos. “Galicia, Santiago de Compostela e a USC son lugares de chegada, de acollida e de benvida. Máis tamén son espazos onde a través da lingua e da cultura se crea comunidade. Xa lembraba Otero Pedrayo que a lingua é a expresión máis fonda da alma dun pobo”, indicou. “Confiamos en que todas as persoas que chegades hoxe á nosa Universidade compartades coñecementos e experiencias, e que poidades levar convosco non só a pegada da aprendizaxe, senón tamén parte desta alma da nosa lingua, de xermolo do pensamento propio, da nosa cultura e do noso pobo”, enfatizou Lorena  Añón Loureiro.

En termos semellantes, Elisa Fernández Rei reivindicou a importancia da lingua e da cultura galegas, como calquera outra “por pequena que sexa e aínda que estea lonxe dos centros do poder”; e destacou a importancia do alumnado de fóra de Galicia para facer avanzar o galego cara ao futuro.  “Sodes parte fundamental do noso sistema cultural”, engadiu no mesma liña Valentín García.

A directora dos Cursos presentou un programa que, alén das clases teóricas e prácticas, permitiralle ao alumnado escoitar e conversar con distintas voces da escena cultural galega. “O calendario de palestras vai da literatura ao audiovisual actual, cun coloquio co académico Manuel Rivas e mais outro arredor do documental 360 curvas. Nacer a medio camiño, que comentarán os seus directores, Manuel Lucas e Alejandro Gándara. Contemplamos tamén un achegamento a tres figuras que celebramos este ano: as xa históricas de Lamas Carvajal, fundador d'O Tío Marcos da Portela, da man do académico correspondente Afonso Vázquez-Monxardín, e Ramón Otero Pedrayo, con Patricia Arias Chachero; e mais Begoña Caamaño, de quen falará a académica Marilar Aleixandre poñendo o foco na súa reescritura contemporánea dos mitos”, debulla María López-Sández.

A proposta de actividades inclúe ademais un obradoiro de baile con Mercedes Prieto, e senllas olladas ás cantigas tradicionais con Sergio de la Ossa e Ugia Pedreira.