Arcadio López-Casanova gaña o Premio Otero Pedrayo

O académico de honra Arcadio López-Casanova (1942) é o gañador da última edición do Premio Otero Pedrayo 2015. O xurado salienta a "extensa traxectoria como escritor e investigador" do profesor, crítico literario e poeta lucense. O galardón, promovido polas catro deputacións provinciais e apoiado pola Xunta, pretende recoñecer contribucións eminentes á cultura galega.
Arcadio López-Casanova
Arcadio López-Casanova. Autor: Xosé Castro


Cada ano, unha das deputacións provinciais galegas convoca o Premio Otero Pedrayo. Nesta última edición, correspondente ao ano 2015, a encargada da organización foi a Deputación de Lugo. O premio, dotado con 16.000 euros, recoñece a traxectoria de Arcadio López-Casanova só meses despois de que o autor fose distinguido co Premio Voz de Liberdade do PEN Club Galicia.

O xurado do premio estivo presidido polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e contou con representación das deputacións, das tres universidades galegas, do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e da Real Academia Galega.