O acto contou coa asistencia do alcalde de Sada, Ernesto Anido; da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Mariel Padín; do secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos Agrelo e de Manuel Lugrís, neto do homenaxeado, entre outras personalidades.
"A biografía de Lugrís Freire é un verdadeiro vieiro patriótico", empezou dicindo Axeitos Agrelo, e continuou: "iniciada, como a de moitos outros, na emigración, na Habana, e continuada despois, non ben chegada a Galicia, coa súa participación na promoción da estatua aos Mártires de Carral. E desde aquí proseguiu, sempre fiel á mesma bandeira, coa fundación da Escola Regional de Declamación e coa súa participación na fundación da Real Academia Galega, de Solidaridad Gallega ou do Partido Galeguista, do que foi nomeado por Castelao o seu primeiro membro ".
Para rematar, o secretario da Academia deu lectura ao primeiro discurso político en galego, pronunciado polo propio Lugrís Freire en Betanzos o 19 de outubro de 1907, que se pode ler aquí.