A familia de María Victoria e membros do xurado, reunidos no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra tras darse a coñecer a obra gañadora. Fonte: Salón do Libro
O galardón que leva o nome da protagonista do Día das Letras Galegas 2018 ten unha dotación económica de 4.000 euros, que achega o Concello de Pontevedra, e implica tamén a publicación da obra por parte de Urco Editora. O orixinal gañador foi seleccionado entre os 31 que participaron nesta primeira convocatoria. O xurado, composto pola experta en literatura infantil e xuvenil Montse Pena Presas, a escritora Eli Ríos (en representación da familia de María Victoria Moreno), Andrea Martínez (alumna do IES Torrente Ballester, onde se xubilou a escritora), Carme Hermida (en representación do Concello) e Andrea Jamardo (en nome de Urco), considerou ademais finalistas e recomendou a publicación doutras dúas obras presentadas cos seguintes lemas: Be Water e Irmá Paxaro.
Antonio Manuel Fraga explicou que O bestiario científico de Anxos Nogueirosa está dedicado á mestra Elvira Bao e á oceanógrafa Ángeles Alvariño. A historia está ambientada nos tempos da República e no sanatorio de Oza (A Coruña).
O XIX Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra celébrase do 6 ao 29 de abril baixo o lema Mulleres de conto.