Antón Dobao responde ao Cuestionario RVB

Antón Dobao (Lugo, 1963) é autor de numerosas producións no eido da creación literaria, a tradución, o ensaio e a produción audiovisual. Amigo persoal de Vidal Bolaño, posúe tamén un fondo coñecemento da súa obra.
Antón Dobao
Antón Dobao

Que características definen, na súa opinión, a obra de Vidal Bolaño?
Sería unha tarefa inxente e interminable tentar de abranguer todas as características que puideran definir unha obra tan plural e tan extensa. E máis para alguén que, como é o meu caso, nin é crítico nin ten por costume analizar os textos literarios desde ese punto de vista. Como simple lector, por tanto, encontro ó longo de toda a súa obra certas constantes talvez sistematizables.

Hai na súa obra literaria unha relación moi firme coas manifestacións da nosa cultura popular tradicional, pero tamén con non poucas manifestacións desa cultura popular urbana que durante toda a segunda metade do século XX se foi esparexendo coma un río por todas as manifestacións artísticas e creativas contemporáneas. Os textos de Vidal Bolaño beben da nosa rica cultura tradicional que aínda hoxe segue viva e continúa a explicarnos en boa parte. El recolle materiais procedentes destas manifestacións populares e lábraos coma o escultor labra a pedra ou a madeira, fai deles literatura contemporánea. Pero tamén combina multitude doutros materiais. Esa combinación de procedencias dálles ós seus textos unha singularidade moi salientable.

Non me parece de menor importancia a súa pouco disimulada querencia polo surrealismo, polo teatro de Brecht e por outras formas de renovación e transformación teatral do século XX. O teatro de Vidal Bolaño ten unha constante vocación vangardista non só en relación co campo teatral galego senón tamén co conxunto do noso sistema literario.

Desde o punto de vista da expresión, eu destacaría unha reelaboración consciente da oralidade contemporánea. Se os textos teatrais teñen que ser ditos necesariamente, como el sempre recordaba, é primordial reconstruír a lingua literaria que os sosteña. A oralidade literaria, digamos, dun galego urbano que, a pesar de certos mitos psicoloxistas, existe e existiu, que Roberto Vidal Bolaño captou e modelou conforme ás necesidades expresivas dos seus personaxes.

Por último, outra das caracteristicas que invaden todos os textos literarios de Vidal Bolaño é o protagonismo dos derrotados. Os seus personaxes ofrécense con toda crueldade, descarnados, de múltiples maneiras derrotados, establecen vículos íntimos e moi fortes co receptor, lector ou espectador. Logran facerse querer e, sobre todo, espertan a nosa identificación coas súas derrotas existenciais. Nesa mesma medida, sementan a certeza de que o futuro só se entende como conquista dese exército de derrotados. Porque a historia ten unha débeda con eles, con nós.

O sabio manexo da farsa, dun humor cru e intelixente, e unhas estruturas abertamente cinematográficas -o seu teatro pode estruturase en secuencias máis ca en actos- son tamén características constantes na obra de Vidal Bolaño.

Que importancia tivo a súa figura –como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
A construción do teatro nacional galego non se entende sen Roberto Vidal Bolaño. A comprensión de que levantando ese edificio se colocaba tamén algunha trabe mestra da nación, como entendeu Schiller no seu momento. E a convicción de que o teatro nacional galego só sería tal se se edificaba sobre o piar formidable da lingua. A súa contribución á construción do teatro galego ten ese fundamento inquebrantable. Roberto Vidal Bolaño comprende esa necesidade de ligazón do teatro e a lingua galega desde o primeiro momento, como outros grandes autores da nosa historia comprenderon que a nosa literatura só sería posible se se expresaba na lingua de Galicia.

Renunciar á lingua sería construír torres de fume no aire. Un teatro galego noutra lingua sería un teatro subalterno. E Roberto Vidal Bolaño comprendeu e defendeu que a lingua era o identificador irrenunciable, o único que nos permitiría sobrevivir ante toda adversidade. E desenvolvernos. Esa adversidade está a suceder neste momento, e sería terminal no caso de non existir xa unha poderosa estrutura vital na que o feito teatral galego se acomoda. Poderemos sufrir fases de crise de montaxes e representacións, pero os textos literarios dramáticos permanecerán e seguirán a producirse.

Roberto Vidal Bolaño é un nome e toda unha vida entregada ao teatro nacional galego. Non só foi o noso autor máis importante, senón que ademais asumiu moitas outras funcións, case todas, nese concepto do home global de teatro que compartiu con figuras coma a de Shakespeare ou Dario Fo.

Non teñamos medo a situalo, orgullosos, nesa dimensión.

Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
As bases do mundo en que transcorren as historias que conta Roberto Vidal Bolaño a través dos seus personaxes e da súa literatura dramática non mudaron. Non é suficiente medio século para que as condicións históricas muden a vixencia dunha obra. Nese sentido, pois, cada texto do noso autor pode ser lido con plena actualidade. Todos eles se relacionan vivamente co tempo da nosa existencia, son contemporaneidade pura, cada un deles unha agulla precisa que vai penetrando firme e aguda, fina, baixo a pel do aparente, á procura das correntes profundas e tormentosas que organizan a materia. Pero se pasasen séculos, cando pasen, esas mesmas obras serían obxecto de semellante interese, porque por riba de todo hai nelas un alento humano inconfundible. Os personaxes son seres que reclaman non xa a nosa comprensión senón a nosa identificación afectiva, reclaman que penetremos neles, porque neles hai demasiado de nós mesmos. Non xa como galegos desta era, senón sobre todo como seres humanos. O amor e a morte, a traizón, a miseria, a derrota, a riqueza, o reino do aparente, a realidade profunda, todo o que é humano é para Vidal Bolaño propio, de aí que a vixencia das súas obras estea garantida e se actualice en cada reviravolta dos tempos históricos que vivimos e dos que estean por vivir.

Ademais, se estea época se caracteriza por unha profunda crise, unha reestruturación capitalista e un violento ataque do capital contra o traballo, entón a vixencia da obra de Roberto Vidal Bolaño é aínda superior. Ou, dito con outras palabras, é coma se os seus textos fosen escritos hoxe mesmo.