Ano Castelao

O dobre exilio: Castelao no cinema

Porque medrou so o signo da Galiza moderna, as Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegos, o Castelao prototipo do comunicador moderno traslada nunha frase a actualidade de novas formas para novos contidos naquel “déame pra ir ó cine, que estou seguindo unha película”, razoa o rapaz nunha viñeta mentres o de Rianxo mírase anunciado, cunha tipografía máis visíbel que a do propio título do filme, La tragedia de Xirobio, adaptación dun dos relatos de Cousas da vida, por Vicus, “la novísima entidad cinematográfica viguesa”. E na nosa retina, aquel Castelao mozo, facendo un cameo no primeiro filme galego de asunto, Miss Ledyia (1916), un filme amador e de peripecia, onde sae en bicicleta interpretando un pastor protestante.

1/12

Mais o fascismo tronzou o devalo do século e Galiza enteira lembra Castelao no 75 cabodano do seu pasamento no exilio; un tempo no que a súa imaxe fica nos rexistros que realiza Elixio González de eventos diversos na diáspora bonaerense –reunións, mitins, xantares, homenaxes...— e que se alargan pola súa doenza última e mesmo na despedida multitudinaria que o acompaña cara ao cemiterio da Chacarita. Esta sorte de álbum de familia será un material precioso, á par de debuxos e documentos, canda as tomas do seu rastro en diferentes lugares de Galiza que a pedido fai Manolo Ferrol, para Castelao, biografía de un ilustre gallego (1980), que Jorge Prelorán, a consecuencia da ditadura militar na Arxentina, conclúe no seu autoexilio californiano.

Os “traballos, riscos e acedumes” para chegar a facer esta película, tal e como relata o autor do guión, escritor e animador da colectividade galega en Buenos Aires, o médico Antonio Pérez Prado, deran comezo no 1973 no pisiño da rúa Echeverría do recoñecido documentalista arxentino. O obxectivo era seducir un Prelorán, xa virado cara ás biografías de alma comunal como a que realiza en Hermógenes Cayo (Imaginero), para que acollese a figura de Castelao. “Dille —recomenda Blanco-Amor— que é o noso Daumier”. E foi precisamente o Álbum Nós a peza coa que se lle presenta a Prelorán un proxecto que financia pouco a pouco “o grupo chamado produtor”, onde se contaban persoas agrupadas en “Nós” que, asemade, terían que encargarse de salvar as fitas nos anos da ditadura militar e de llas facer chegar ao director aos Ánxeles agachadas nunha maleta.

A modalidade formal da película optou por un Castelao que se narra a si propio a través de fragmentos da súa obra, de cartas, lendas e discursos, a comezar por Retrincos e na voz de Alfredo Baltar, á par dun relator dos aconteceres históricos que o contextualizan na Nación e que son “unha sorte de news-reel á maneira de John Dos Passos”, insiste Pérez Prado, e dun antagonista coetáneo e monárquico, o rei Afonso XIII, para corcoser unha triloxía —1896/1914; 1914/1931; 1931/1950— que a estudosa de Prelorán, Graciela Taquini, cualifica de “extenso cuadro en negro, blanco y grises, casi un Guernica, un compendio de los primero cincuenta años de nuestro siglo”.

Tiven a fortuna de convocar Prelorán en Pontevedra no 2000 para impartir unha palestra no curso da UIMP Baixo o signo do real: o documental biográfico. El e a súa muller Mabel Prelorán falaron do seu modo artesanal de traballo; abraiámonos con Hermógenes Cayo; no Teatro Principal proxectouse Castelao e fixémoslle entrega da figura da Sargadelos que reproduce a súa autocaricatura. Case en simultáneo, Xan Leira devén o compilador de toda esa xeración para a súa longa documental Castelao e os irmáns da Liberdade (2000) e máis adiante Antón Reixa realiza un retrato dos Prelorán-Pérez Prado en Filmando a Castelao (2007) ao tempo que adapta o filme orixinario ao galego para a TVG, que é o que arestora podemos ver, e ver nel a pulsión dos que aló, na colectividade da Arxentina, termaron do que acó se nos ocultou.

Tal Antígona, portador dun dobre exilio, o líder republicano e nacionalista non envellece. Neste 75 cabodano podemos asistir nos cinemas ao filme Antes de Nós (2025) de Ángeles Huerta, a redor dun par de episodios —a gripe española e a morte de Chuchiño, único fillo de Castelao e Virxinia Pereira—, co actor Xoán Fórneas a encarnar ese ollar e esa fala de alguén moi querido que, de súpeto, entra pola porta da casa. Longa e eterna vida!

Margarita Ledo Andión
Académica numeraria da RAG

Material anexo

Non é posible ver o documento no teu navegador. Podes descargalo aquí.

Mecanoscrito do guión de Castelao, biografía de un ilustre gallego (1980), conservado no Arquivo da Real Academia Galega.