O proceso para lograr un Estatuto de Autonomía de Galicia comezou pouco despois da proclamación da República, en abril de 1931. Castelao, comprometido co nacionalismo galego dende o tempo das Irmandades da Fala, participou activamente nese proceso. O 4 de xuño de 1931 tivo lugar no teatro Rosalía de Castro da Coruña unha asemblea onde se debía fixar o texto do Estatuto a partir de varios proxectos existentes. O resultado foi un documento que definía Galicia como un Estado autónomo dentro dunha República federal. Castelao asistiu representando a Sociedade Coral de Pontevedra. Nesta fotografía aparece sentado no fondo á esquerda entre os asistentes a esa asemblea.
Fonte: Vida Gallega (Vigo), nº. 488, 20/VI/1931. Real Academia Galega. Hemeroteca
Castelao, elixido deputado en xullo de 1931, prometeu defender no Congreso o Estatuto aprobado na Coruña. Porén, a Constitución republicana rexeitaba a estrutura federal e admitía só autonomías limitadas e concedidas polo Goberno unha vez cumpridos certos requisitos. Por iso foi preciso elaborar outro Estatuto para Galicia que se axeitase á legalidade. No Congreso creouse unha comisión integrada por deputados de diferentes forzas políticas galegas que tivo a encomenda de preparar un novo texto estatutario adaptado á Constitución. A esa comisión pertenceu Castelao. Na foto podemos velo xunto doutros deputados galegos que tamén participaron nos debates sobre o Estatuto: Antón Vilar Ponte, Manuel Portela Valladares e Leandro Pita Romero.
Fonte: As Imaxes de Castelao (A Nosa Terra, 2000). Real Academia Galega. Biblioteca
O novo proxecto de Estatuto redactado polos deputados galegos presentouse o 25 de outubro de 1931. Foi nunha asemblea celebrada no Pazo municipal da Coruña que contou coa presenza de Castelao. Nela aprobouse un texto con contidos máis moderados para lograr un meirande consenso. Ao rematar a sesión, os asistentes acordaron dirixir o texto aprobado a todos os concellos para que o ratificasen ou ben propuxesen modificacións. A asistencia do rianxeiro quedou rexistrada nestas dúas fotografías: na primeira vemos a súa chegada, en compañía doutros deputados, á estación de ferrocarril da Coruña, onde foron recibidos polas autoridades; na segunda aparece entre un grupo de políticos galegos nas dependencias do Hotel Atlantic da mesma cidade.
Fonte: As Imaxes de Castelao (A Nosa Terra, 2000). Real Academia Galega. Biblioteca
A lexislación republicana determinaba que a Autonomía dun territorio debía ser proposta pola maioría dos seus concellos e que despois necesitaba aprobarse nun referendo onde participasen as dúas terceiras partes do censo electoral. Coñecendo estes requisitos, o Concello de Santiago convocou unha asemblea para poñer en marcha o proceso electoral. Nesa xuntanza, que tivo lugar no Paraninfo da Universidade o 3 de xullo de 1932, decidiuse redactar un anteproxecto de Estatuto que tivese en conta as propostas anteriores. Acordouse tamén realizar propaganda a prol da Autonomía, para o cal Castelao ofreceu o seu soldo de deputado. Durante o xantar realizado despois da asemblea, el pronunciou un breve discurso no que imaxinou unha Galicia mellor unha vez lograda a Autonomía.
Fonte: El Pueblo Gallego (Vigo), nº. 2582, 5/VII/1932
Os días 17, 18 e 19 de decembro de 1932, a Facultade de Medicina de Santiago de Compostela acolleu unha grande asemblea á que acudiron os representantes de douscentos once concellos galegos. A ela asistiu tamén Castelao en representación do Partido Galeguista. O obxectivo da reunión era debater sobre o Estatuto de Autonomía e lograr a aprobación do documento definitivo que despois tiña que ser votado en referendo. A inmensa maioría dos concellos presentes manifestáronse a favor da Autonomía e ratificaron, con algunhas modificacións, o anteproxecto de Estatuto que se redactara a continuación da asemblea do 3 de xullo. Coa aprobación da maioría dos concellos galegos cumpríase o primeiro requisito fixado polo Goberno.
Fonte: Anteproxecto do Estatuto de Galicia (esquerda); Estatuto de Galicia de 1932 (dereita). Real Academia Galega. Biblioteca
Unha vez aprobado o texto estatutario, os promotores pretendían sometelo a votación o antes posible e Castelao participou en diversas iniciativas destinadas a conseguilo. Formou parte dunha comisión de deputados galegos encargada de obter do Goberno a autorización para convocar a votación. Tamén foi o responsable de idear a campaña gráfica de publicidade do Estatuto e incluso fixo unha doazón de 500 pesetas para os gastos de propaganda. E sobre todo, tivo unha presenza constante nos actos que levou a cabo o Partido Galeguista por toda a xeografía galega. A fotografía corresponde ao mitin pola Autonomía que deu en Lira (Carnota) o 5 de febreiro de 1933.
Fonte: As Imaxes de Castelao (A Nosa Terra, 2000). Real Academia Galega. Biblioteca
O compromiso de Castelao coa consecución da Autonomía reflíctese igualmente nos debuxos que publicaba no Faro de Vigo. Na súa derradeira contribución ao xornal vigués, do día 9 de abril de 1933, dous personaxes comentan que se a República xa chegara, aínda faltaba por vir a Autonomía. Mais, a pesar dos esforzos realizados para lograr a votación do Estatuto en 1933, o desexo non puido ser cumprido. A falla de medios económicos, a pasividade dalgúns partidos políticos e as reticencias do Goberno foran retrasando a data do referendo. E cando en novembro dese ano resultou vencedora nas eleccións unha dereita contraria ás autonomías, os promotores do Estatuto galego decidiron adiar a celebración do plebiscito ata que as circunstancias fosen máis propicias.
Fonte: Cousas da Vida no Faro de Vigo (Fundación Castelao-Consello da Cultura Galega, 2001). Real Academia Galega. Biblioteca
Despois do triunfo electoral da Fronte Popular en febreiro de 1936, a Autonomía semellaba estar máis preto, pois as organizacións que formaban parte desa coalición, entre elas o Partido Galeguista, acadaran o compromiso de promover a votación do Estatuto galego. Castelao, de novo elixido deputado, retoma no Congreso as xestións destinadas a lograr a autorización para a convocatoria do referendo. Nunha asemblea realizada en Compostela o 11 de maio, á que asiste, decídese realizar a votación o mes de xuño vindeiro. E pouco despois os promotores propoñen o 28 de xuño de 1936. Anunciada oficialmente, esa será a data fixada para a celebración do referendo sobre a Autonomía de Galicia.
Fonte: Boletín Oficial extraordinario de la Provincia de La Coruña, 15/VI/1936 (esquerda); Boletín Oficial extraordinario de la Provincia de Lugo, 15/VI/1936 (dereita)
Como noutras ocasións, Castelao puxo a súa arte ao servizo da causa nacionalista e deseñou dous carteis para facer propaganda a favor da Autonomía de Galicia. Nun deles empregou un motivo que xa usara antes en varios debuxos publicados na prensa: a vaca que simbolizaba Galicia sendo muxida por persoas alleas. Para o outro aproveitou unha das láminas do álbum Nós engadíndolle un texto diferente. Dos seus carteis, e doutros realizados por Camilo Díaz Baliño, Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo, fixéronse grandes tiraxes. En xeral, a campaña de propaganda foi moi intensa e desenvolveuse mediante carteis, folletos, mitins e conferencias, reparticións do texto do Estatuto e tamén con anuncios na prensa, na radio e no cinema.
Fonte: Castelao Grafista (Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, 2017). Real Academia Galega. Biblioteca
A campaña a prol do Estatuto inaugurouse o 7 de xuño co gran mitin da Coruña ao cal pertence a foto elixida como peza destacada deste mes. O acto foi unha acción conxunta da Fronte Popular e, debido á grande asistencia de público, desenvolveuse en dous locais diferentes: o teatro Linares Rivas e o teatro Rosalía de Castro. Ademais, as alocucións foron retransmitidas pola radio. Castelao falou no segundo local para pechar o acto e centrou o seu discurso na importancia que tiña para Galicia lograr a Autonomía, insistindo tamén en que esta era conveniente para a República. A prensa relatou así o final da súa intervención: “Terminó preguntando si conviene la Autonomía a Galicia y dió tres veces la respuesta afirmativa. El público que llenaba la sala contestó también tres veces ¡¡Sí!! de modo unánime y clamoroso”.
Fonte: El Pueblo Gallego (Vigo), nº. 4002, 9/VI/1936 (esquerda); La Voz de Galicia (A Coruña), nº. 17544 , 9/VI/1936 (dereita)
O plebiscito previsto para o 28 de xuño foi unha realidade e ese día o pobo galego votou maioritariamente “SI” ao Estatuto. Castelao, quen tanto traballara para conseguir ese resultado, marchou a Madrid para preparar os trámites que permitisen unha rápida aprobación da Autonomía. O 16 de xullo estivo presente cando unha comisión galega entregou a documentación necesaria ao Presidente das Cortes. E o día seguinte, el e os membros da comisión foron recibidos polo Presidente da República, Manuel Azaña. Nesa xuntanza, Castelao dixo que a Galicia autónoma sería unha democracia exemplar; Azaña, pola súa parte, desexou que a Autonomía galega consolidase a República e a democracia. O 18 de xullo esas esperanzas foron esmagadas polo levantamento militar. Castelao, quen quedara en Madrid con Virginia, seguiu a traballar para que o Goberno lexítimo da República recoñecese a Autonomía de Galicia.
Fonte: El Pueblo Gallego (Vigo), nº. 4019, 28/VI/1936 (esquerda); A Nosa Terra (Pontevedra), nº. 421, 10/VII/1936 (dereita). Real Academia Galega. Hemeroteca
O mitin comezou no Teatro Linares Rivas cando, o speaker Sr. Mariñas anunciou a conexión a todas as radioemisoras de Galicia. Abriu o Alcalde de Santiago, Sr. Casal, moi aplaudido segundo a crónica de La Voz de Galicia do martes día 9, que referiu todas as intervencións, detallando a intensidade de aplausos recibidos polos oradores que seguiron a Casal e que foron: José Dopico Vázquez en representación do Partido Federal de Izquierda Gallego, Marcial Fernández Delegado del Partido Socialista, Manuel Fernández do Partido Sindicalista, Cesar Alvajar por Unión Republicana, último en falar nese teatro, no que permaneceron todos, oradores e asistentes, escoitando por altofalantes a segunda parte do mitin no Rosalía de Castro. Acompañados dos Coros Cantigas da Terra e Follas Novas e a Agrupación Republicana Feminina, falou primeiro, en gallego, Gumersindo Montero polos comunistas, seguido de Luis Huici por Izquierda Republicana.
Por el Partido Galleguista... Alfonso R. Castelao. Acollido cunha grande ovación o ilustre artista y escritor, xa foi moi aplaudido antes de falar. Insistiu primeiro na amplitude do movemento polo Estatuto no que convivían, por amor á terra, mesmo partidos quen non compartían principios, defendeu despois a confluencia do PG no Frente Popular cos partidos auténticamente republicanos para facer de Galicia un pobo libre e grande... dentro da República española. Aludiu a unha futura Confederación Ibérica que anulase as fronteiras e un Estatuto Galego que garantise a mesma liberdade que os de Cataluña e País Vasco. Zorregou contra os “homes cativos” que lles chamaban separatistas e os acusaban de querer illar a Galicia: separatistas son os que perderon Portugal e as colonias, os que terían perdido a Cataluña, Vasconia e a Galicia e que... perdido xa todo, poderían xuntarse nun cabaré de Madrid. Fixo uso das súas dotes de comunicador preguntándolle por tres veces ao público se a Galicia lle conviña a Autonomía. A sala chea respondeu por tres veces un SI “unánime e clamoroso”. O mesmo que ao preguntar se a Autonomía lle conviña á República. Prolongada ovación cierra el elocuente discurso. O acto rematou con Vivas e o Himno Galego.

Sentado, 2.º pola dereita, Alfonso R. Castelao. 3.º Gumersindo Montero. Na segunda fila, sentado, 2.º pola esquerda, Víctor Casas. De pé, 5.º pola esquerda, con traxe claro, Arturo Cuadrado. Preguntados algúns colegas expertos (M. A. Seixas, X. M. Núñez e Emilio Grandío) cremos distinguir a Somoza Gutierrez sentado á esquerda de todo, a Banet Fontenla diante de Víctor Casas; detrás de Montero, media cara de alguén que pode ser Pita Romero; tamén na 2.ª ringleira, de traxe branco e mirando de esguello parece García Labella. Na mesa tamén estaba o doutor José García Ramos, deputado de Unión Republicana, e Manuel Guzmán García, deputado de Izquierda Republicana, encarcerado por moitos anos o primeiro e fusilado en agosto no Campo da Rata o segundo.
Lourenzo Fernández Prieto
Académico numerario da RAG