
A Real Academia Galega conserva o manuscrito no que, a través de 44 cuartillas, Castelao reflexiona sobre Arte e galeguismo. Sobre este tema xa pronunciara, en abril de 1919, unha conferencia en Vigo e o texto da disertación coruñesa de outubro foi publicado ese mesmo ano pola tipografía de El Noroeste. Este escrito constitúe o primeiro ensaio que deu a coñecer Castelao sobre as súas reflexións teóricas sobre a arte.
As ideas sobre as que vai organizando o seu discurso Castelao encaixan á perfección co espírito das Irmandades, comezando co compromiso do emprego do galego nesta conferencia, a primeira peza oratoria de importancia que pronunciou e publicou en galego, idioma que xa non deixará de utilizar tanto en discursos coma en escritos de todo tipo. Xustifica Castelao que fale en galego porque un idioma é moito máis que un medio de expresión, é unha fonte esencial da arte repetindo, a modo de retrouso nos primeiros parágrafos, que para conseguir a existencia dunha arte galega cómpre pensar en galego, no idioma aprendido no colo da nai: ...teño que defender a fala d’os nosos abós
. E para falar de arte galega, necesariamente a miña i-alma galega falará n’o seu idioma
.
Ao longo do seu discurso vai intercalando numerosas citas de autores que reflexionaron sobre o papel da arte nas sociedades, das súas características, das relacións das artes plásticas cos idiomas ou de como son interpretados os diferentes modos de entender a arte ao servizo dunha idea.
Das diferentes manifestacións artísticas, Castelao elixe a pintura para reflexionar sobre a relación entre arte e galeguismo. Parte da premisa de que, no momento no que fala, non existe auténtica pintura galega; para poder falar de pintura galega é preciso que os pintores pinten en galego, que sintan a beleza e as particularidades da nosa terra e que os lenzos transmitan a expresión e o sentimento desa terra. Nacer en Galicia non é suficiente para producir pintura galega.
Arte e galeguismo é o título dunha conferencia que Castelao impartiu en varias ocasións. A primeira vez que fixo a súa lectura pública foi en Vigo o día 9 de abril de 1919 no local da asociación La Oliva. O texto da conferencia lida nesa ocasión publicouse incompleto —só un fragmento da primeira parte— no semanario A Nosa Terra. Posteriormente, o 25 de outubro dese mesmo ano, repetiuna na Coruña durante a inauguración dunha exposición de pintura de Imeldo Corral no local da Irmandade da Fala da Coruña. Desta vez, o texto da disertación publicouse por enteiro nas páxinas da mesma revista. Este traballo móstranos un Castelao ensaísta en idioma galego e teorizador da arte, ao mesmo tempo que pon de manifesto o seu compromiso co nacionalismo nucleado ao redor das Irmandades da Fala.
Fonte: A Nosa Terra (A Coruña), n.º 104, 5/XI/1919 (esquerda); La Voz de Galicia (A Coruña), n.º 12562, 26/X/1919 (dereita). Real Academia Galega. Hemeroteca
O tema da conferencia xiraba arredor da posibilidade de crear unha arte nacional galega baseada nos sentimentos transmitidos pola paisaxe e firmemente enraizada na cultura popular. É na parte central da disertación onde se desenvolven os argumentos cos que defendía a súa proposta. Para el, a posesión dunha paisaxe propia era garantía da existencia dunha personalidade colectiva particular creada pola influencia da paisaxe sobre un grupo humano. Era tarefa do artista converter esa personalidade colectiva nun estilo e nunha estética nacionais que fosen fieis ao “espírito do pobo” forxado pola paisaxe. Como ademais se supoñía que a identidade colectiva se conservaba entre as camadas populares non urbanas, a cultura popular debía ser fonte de inspiración para o artista. Por tanto a paisaxe e o popular eran os dous esteos sobre os que había que construír a arte nacional galega, pois, como el dicía na conferencia, “todo Arte é o froito d’algunha terra”.
Fonte: A Nosa Terra (A Coruña), n.º 105, 15/XI/1919. Real Academia Galega. Hemeroteca
A parte final da conferencia consistía nunha crítica da política cultural existente na Galicia do seu tempo —que Castelao consideraba nociva para a arte galega polo seu centralismo uniformador— e na proposta de alternativas para solucionar a situación. El opinaba que era preciso crear no país centros onde estudar pintura e escultura, conservatorios de música, escolas de artes e oficios, cátedras de lingua e cultura galegas na universidade e nos institutos de ensino medio. Só con esas bases sería posible o agromo dunha arte verdadeiramente propia que ademais posuíse un carácter universal. E concluía coa seguinte reflexión a prol da autonomía política e cultural de Galicia:
Eu coido que somente n’un rexime de autonomia integral se poderia chegar á realidade d’os soños meus.
Fonte: A Nosa Terra (A Coruña), n.º 108, 15/XII/1919. Real Academia Galega. Hemeroteca
Sendo a paisaxe a peza central da concepción dunha estética nacional, enténdese que a paisaxe galega estea tan presente na súa pintura e tamén que co paso do tempo se converta na verdadeira protagonista dos seus cadros. Mais non se trataba de copiar a paisaxe de xeito literal, pois o que debía expresar a arte eran os sentimentos que aquela provocaba no artista. Por iso en Castelao hai un rexeitamento do realismo en beneficio dunha subxectividade que ten como finalidade causar emocións. A súa opción estética determinaba que a obra de arte debía ser unha creación que resultase das emocións do artista e que despois debía emocionar a quen a contemplase. Isto expresábao abertamente na conferencia:
Pra min, a pintura que non pasa d’os ollos, calquera Arte que non me fure os sentidos pra sentir n’o miolo a indución psicolóxica, non é Arte.A fotografía mostra o seu cadro Cons (1920).
Fonte: Castelao pintor (Galaxia, 2006). Real Academia Galega. Biblioteca
Castelao foi un gran defensor da beleza da paisaxe galega, e para amosala nos seus cadros vai recorrer a algúns tópicos xa existentes: val, ría, carballeira, piñeiros, cruceiro, praias ou igrexas románicas. Porén, realiza un tratamento orixinal deses tópicos mediante o uso de luces e de cores non naturalistas ou ben a través da énfase no efecto ornamental dos motivos. Tamén consegue efectos novidosos empregando perspectivas pouco convencionais, como encadramentos panorámicos, vistas en picado, acoutamentos ou desencadramentos. Nesa visión estilizada da natureza, destinada a evocar emocións, resulta moi evidente a influencia sobre el da pintura xaponesa, da que era un grande admirador.
Esta pintura titulada O Paraño (ca. 1922-1929) é un exemplo destacado da súa interpretación estilizada da paisaxe galega.
Fonte: Castelao pintor (Galaxia, 2006). Real Academia Galega. Biblioteca
Xunto á paisaxe, a arte popular será o outro compoñente esencial da estética nacional propugnada por Castelao. Seguindo as teses de Lev Tolstoi, mantiña que a arte verdadeira e orixinal só podía existir no seo das camadas populares. En consecuencia, esforzouse por plasmar nas súas obras algúns dos trazos definidores que vía nas creacións do pobo: o carácter directo e a sinxeleza, coa supresión dos detalles considerados superfluos; o emprego de cores vivas; a tendencia a empregar formas redondas; e a ambigüidade espacial. Todas estas características pódense observar nos deseños creados para a escenografía d’Os vellos non deben de namorarse, un dos cales mostramos nesta imaxe. E se no caso da paisaxe resulta evidente a influencia da pintura xaponesa, o seu interese na arte do pobo reforzouse considerablemente logo de coñecer a arte rusa, que tiña unha forte inspiración popular.
Fonte: Castelao Grafista (Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, 2017). Real Academia Galega. Biblioteca
Algunhas das ideas contidas en Arte e galeguismo expresounas na disertación “O galeguismo no arte” que pronunciou en Vigo durante a celebración do Día de Galicia de 1930. Neste acto insistiu en que o porvir da arte galega estaba na creación dun estilo propio que tivese como fonte de inspiración a paisaxe e a tradición. Mais tamén salientou dous novos elementos que non mencionara na conferencia de 1919. Un deles era a “esperanza celta”, que implicaba o triunfo do espírito sobre as riquezas materiais, pois, segundo el, o celta era un pobo espiritual. O outro era a reivindicación do Romanticismo, “a forza simpática da arte”, xa que el se consideraba un artista romántico. Á súa xeración, aos “novecentistas”, correspondíalle a tarefa de crear unha arte que fose expresión do sentir da vida galega e das ideas do seu tempo.
O xornal El Pueblo Gallego ofreceu unha ampla relación da celebración galeguista dese día e fixo un resumo da intervención de Castelao.
Fonte: El Pueblo Gallego (Vigo), n.º 1972, 26/VII/1930
A galeguidade da arte de Castelao non se cinguiu unicamente a representar a paisaxe ou a ter unha inspiración popular. Con algunhas das súas creacións tamén plasmou artisticamente tres dos compoñentes do imaxinario galeguista do seu tempo: o celtismo, o simbolismo do Graal e a lenda xacobea. Respecto do primeiro, Castelao foi —xunto con Camilo Díaz Baliño— o creador do que poderiamos cualificar como unha “estética celta”, que xiraba ao redor da representación de monumentos megalíticos, aos que se atribuía unha orixe céltica. Exemplo disto son os trílitos que adornan as páxinas e a cuberta da revista Nós ou ben os megálitos que debuxou no interior dalgunhas letras capitais do libro Na noite estrelecida de Ramón Cabanillas. A unha “estética celta” pode pertencer tamén outra letra capital que realizou para o mesmo libro, onde aparece unha espada e un escudo adornado con espirais. Estes exemplos mostran que ás veces o artista podía inspirarse na arqueoloxía para realizar os seus debuxos.
Fonte: Nós (Ourense), n.º 7, 25/X/1921 (esquerda); Ramón Cabanillas, Na noite estrelecida (Lar, 1926) (centro e dereita). Real Academia Galega. Hemeroteca e Biblioteca
O símbolo do Graal tivo unha resonancia especial na cultura galega durante a década de 1920 grazas á teoría que identificaba ese obxecto marabilloso co cáliz conservado na igrexa de Santa María do Cebreiro. Aínda que esta identificación xa fora suxerida por Víctor Said Armesto e por Ángel del Castillo, en realidade a proposta de ver no cáliz do Cebreiro o Santo Graal do ciclo artúrico acadou popularidade coas poesías de Ramón Cabanillas recollidas no libro Na noite estrelecida. Castelao encargouse de ilustrar as súas páxinas e fíxoo mediante letras capitais decoradas con debuxos, algúns dos cales facían referencia á lenda do Graal relatada nos versos do poeta de Cambados: a espada Excalibur, o dragón que a gardaba, Galaaz , a pomba voando sobre o cáliz... Ademais o libro abríase cun debuxo onde o mítico Graal se representaba coa fasquía do cáliz do Cebreiro.
O exemplar deste libro que se conserva na nosa Biblioteca ten unha dedicatoria de Cabanillas a Antón Vilar Ponte.
Fonte: Ramón Cabanillas, Na noite estrelecida (Lar, 1926). Real Academia Galega. Biblioteca
Santiago apóstolo e a tradición xacobea tamén formaron parte do imaxinario galeguista. Porén, a figura bélica deste personaxe, que era un símbolo do catolicismo hispánico, foi transformada polo galeguismo no pacífico e bondadoso Santiago galaico. O propio Castelao colaborou nesa transformación a través da súa arte. Así, un dos debuxos que publicou no xornal Galicia mostraba a radical diferenza que había entre a concepción galeguista (“O Noso”) e a españolista (“O d-eles”) do apóstolo. Noutra ocasión ilustrou cos seus gravados o relato de Vicente Risco “A Estrela do Apóstolo” aparecido na revista Nós, reforzando a galeguidade do personaxe. Cómpre lembrar igualmente aquelas letras capitais de motivos xacobeos coas que decorou o libro Na noite estrelecida e máis tarde as páxinas da revista Logos.
Fonte: Galicia (Vigo), n.º 310, 25/VII/1923 (esquerda); Nós (Ourense), n.º 18, 1/VII/1923 (centro); Logos (Pontevedra), n.º 7, xullo de 1931
No Arquivo da Academia consérvase un manuscrito de Castelao co texto da conferencia “Arte e Galeguismo”. Está datado en 1919, é dicir, o mesmo ano en que leu esa disertación no local da Irmandade da Fala coruñesa, e parece ser unha copia definitiva do texto, pois case non presenta correccións. Infelizmente, non sabemos cando nin como chegou á nosa institución. No ano 2014 a Real Academia Galega publicou en edición dixital o libro Castelao na Academia: manuscritos no Arquivo da R.A.G., onde se incluía a reprodución completa deste manuscrito acompañada dunha transcrición do texto. Con esta edición queríase honrar a memoria dunha das figuras máis relevantes da Galicia contemporánea a través da divulgación dos seus manuscritos conservados no noso Arquivo.
Fonte: Manuscrito “Arte e Galeguismo”. Real Academia Galega. Arquivo
Acceda aquí á edición dixital do documento
Castelao fixa a súa atención nun elemento destacado para singularizar e identificar unha obra pictórica galega: a paisaxe. Porque a paisaxe galega é singular, ten personalidade propia e, polo tanto, un artista galego pode crear unha estética nacional galega baseada na paisaxe de inspiración popular. Unha paisaxe sentida, non basta con describila: Ollemos o paisaxe e sintamos a súa vida
.
Pode aprenderse esa pintura galega nas vilas e cidades? Rotundamente non, afirma Castelao, porque nas vilas e cidades non se fai arte galega, non hai auténticos artistas galegos porque son unicamente imitadores do que se fai noutros pobos. O centralismo vai comendo o galeguismo no mundo urbano e non deixa medrar unha escola de arte galega. Como se van formar artistas verdadeiramente galegos se na universidade galega non hai cátedra de galego? Como se pode chegar a crear arte galega sen querer a fala, que é o mellor que temos
?
Poderá chegar o día de crear en Galicia unha escola onde os artistas traballen libremente no seu ambiente?, pregúntase Castelao. E respóndese a si mesmo: si, cando Galicia alcance un réxime de autonomía integral, unhas Cortes verdadeiramente galegas e uns artistas liberados da influencia centralista e que traballarían por conseguir unha arte galega que, sendo moi galega, sería tamén moi universal.
Por este desexo loitou Castelao o resto da súa vida, predicando co exemplo a través da súa arte e da súa actividade política. No terreo das artes atopou a esencia galeguista especialmente a través da caricatura, coa que se propuxo crear un estilo propio e debuxar en galego, obxectivos plenamente conseguidos.
Ana Romero Masiá
Académica correspondente da RAG
Arte e galeguismo é o título dunha conferencia que Castelao impartiu en varias ocasións; a primeira vez, en Vigo o día 9 de abril de 1919 no local da asociación La Oliva. Da mesma data é o manuscrito que conservamos no arquivo da Real Academia Galega, que parece ser unha copia definitiva do texto, pois case non presenta correccións. Nesta conferencia Castelao reflexiona sobre a posibilidade de crear unha arte nacional galega baseada nos sentimentos transmitidos pola paisaxe e firmemente enraizada na cultura popular. Na súa parte final fai unha crítica da política cultural existente na Galicia do seu tempo e na proposta de alternativas para solucionar a situación.
No ano 2014 a Real Academia Galega publicou en edición dixital Castelao na Academia: manuscritos no Arquivo da R.A.G., onde se incluía a reprodución completa deste manuscrito acompañada dunha transcrición do texto.